A Deputación esgota en 10 minutos as prazas para participar nas rutas de setembro do programa +Bosques

135 persoas participarán nas saídas que as levarán por espazos naturais da provincia desde o domingo 1 de setembro, no río Almofrei, ata o domingo 29, no lago Castiñeiras

18/08/2024

A Deputación de Pontevedra esgotou en 10 minutos todas as prazas dispoñibles para participar nas rutas de setembro do programa provincial +Bosques. A institución provincial programou o próximo mes un total de nove percorridos, a celebrar todos os sábados e domingos do mes, desde o domingo 1 no río Almofrei ao seu paso pola cidade de Pontevedra ata o domingo 29, no lago Castiñeiras, situado entre os concellos de Marín e Vilaboa. Cun máximo de 15 participantes por actividade, unha vez completada a súa capacidade a Deputación mobilizará un total de 135 persoas neste programa o próximo mes.

As rutas programadas en setembro son as seguintes: no río Almofrei (Pontevedra) o domingo 1, no lago Castiñeiras (Marín e Vilaboa) o sábado 7 e o domingo 29, no río Xabriña (Covelo) o domingo 8, no pazo de Lourizán (Pontevedra) os sábados 14 e 28, na illa de Tambo (Poio) o domingo 15, en Cabo Udra (Bueu) o sábado 21 e no parque natural do Carreirón (A Illa de Arousa) o sábado 22. As persoas interesadas deberán cubrir este luns a partir das 9:00 horas da mañá un formulario en liña, cun máximo de tres acompañantes.

As persoas que sigan interesadas en participar no programa +Bosques terán que agardar ata o próximo luns 16 de setembro, cando se abra o prazo de inscrición para as últimas saídas do ano, as do mes de outubro. Con elas pecharase a programación de 40 itinerarios en sete espazos naturais, tanto da costa como do interior da provincia, cos que se pode coñecer a variedade de ecosistemas ricos en biodiversidade de Pontevedra. As rutas concíbense como unha experiencia chea de estímulos para comprender o método de aplicación do “baño de bosque” e a conexión directa en e coa natureza. Promoverase  a estimulación sensorial a través dos cinco sentidos, así como exercicios físicos e psicolóxicos para comprender, entender e fortalecer os lazos co medio natural da provincia.

— 3 Resultados por página
Mostrando el intervalo 1 - 3 de 5 resultados.