A Deputación leva este xoves a Oia o circuíto +Escénicas con “O castiñeiro do Apalpador”, de Fantoches Baj

O espectáculo de teatro infantil poderá verse ás 12:00 horas no CEIP de Refoxos

17/12/2024

A Deputación de Pontevedra leva este xoves 19 de decembro o circuíto +Escénicas ao concello de Oia co espectáculo de teatro “O castiñeiro do Apalpador”, de Fantoches Baj. A función comezará ás 12:00 horas no CEIP de Refoxos, e enmárcase no novo circuíto da institución provincial que está a espallar unha completa programación de teatro e danza en 49 concellos da provincia ata marzo de 2025, cun orzamento de 150.000 euros.

“O castiñeiro do Apalpador” é unha actividade de teatro infantil creada a partir da tradición popular. O Apalpador, preocupado de que non lle rouben as castañas, coñece unha vella aterecida de frío e de fame. Compadecido, ofrécelle teito e castañas do seu magosto, e a vella (que resulta ser unha meiga) ofrece cumprirlle tres desexos. Con estes tres desexos conseguirá vencer a Morte, e cando o Gobernador do mundo ve os efectos devastadores da desaparición da Morte obrigarao a ceibala asegurándose de que a el non lle toque xamais. Convertido nun ser inmortal e liberado da necesidade de comer, vendo que as castañas se lle estragan todos os anos decide repartírllelas aos nenos que pasan fame. Por iso, desde aquela, percorre o mundo deixándolle unha presiña das castañas do seu castiñeiro a aqueles que a teñen baleira.

Co circuíto +Escénicas, a Deputación busca dar resposta á demanda que o sector profesional vén facendo desde fai máis de 15 anos. A cada concello correspóndelle unha achega máxima de 3.400 euros para financiar os espectáculos propostos, incluídos nun amplo catálogo de espectáculos de danza e teatro posto á súa disposición e dispoñible no sitio web da Deputación de Pontevedra.

— 3 Resultados por página
Mostrando el intervalo 1 - 3 de 5 resultados.