A Deputación leva este domingo a Meaño o circuíto +Escénicas co musical “Os ourizos agaromosos”, da Farra Xous

O espectáculo, para todos os públicos, poderá verse ás 18:00 horas no Centro social de Dena

10/01/2025

A Deputación de Pontevedra leva este domingo 12 de xaneiro o circuíto +Escénicas ao concello de Baiona co espectáculo musical “Os ourizos agaromosos”, da compañía A Farra Xous. A función comezará ás 18:00 horas no Centro Social de Dena e enmárcase no novo circuíto da institución provincial que está a espallar unha completa programación de teatro e danza en 49 concellos da provincia ata marzo de 2025 cun orzamento de 150.000 euros.

“Os ourizos agaromosos” é unha obra de teatro musical de monicreques (bonecos, de pau e de guante) dirixida a un público familiar e infantil. A obra trata temas de inclusión, integración, amizade e compañeirismo con moitas referencias á cultura galega, ás súas paisaxes e ao ecoloxismo. A música, composta especialmente para o espectáculo, inclúe temas de rock, pop e rap, achegando así á rapazada diferentes xéneros musicais. A historia fala de como a amizade pode axudar a superar os obstáculos da vida a través de Cacho, unha ouriza que vive nos montes arredor da ría de Vigo. De pequena é moi alegre e moi querida pero ao chegar á adolescencia e crecerlle as pugas comezan a darlle de lado. Refuxiarase na música e coñecerá outros na súa situación: Rizo (un ourizo de mar), Picho (un ourizo de castaña) e Flor (un toxo), cos que monta un grupo de rock.

Co circuíto +Escénicas, a Deputación busca dar resposta á demanda que o sector profesional vén facendo desde fai máis de 15 anos. A cada concello correspóndelle unha achega máxima de 3.400 euros para financiar os espectáculos propostos, incluídos nun amplo catálogo de espectáculos de danza e teatro posto á súa disposición e dispoñible no sitio web da Deputación de Pontevedra.

— 3 Resultados por página
Mostrando el intervalo 1 - 3 de 6 resultados.