A Deputación avanza para desbloquear actuacións en estradas provinciais que atravesan o Concello de Gondomar

A deputada de Infraestruturas Públicas, Mobilidade e Contratación, Isabel Couselo, reuniuse co alcalde de Gondomar, Paco Ferreira, para coñecer as prioridades do municipio en canto ás vías provinciais que o atravesan

10/05/2024

A Deputación de Pontevedra avanza para desbloquear actuacións en estradas provinciais que atravesan o Concello de Gondomar. A deputada de Infraestruturas Públicas, Mobilidade e Contratación, Isabel Couselo, acaba de reunirse co alcalde de Gondomar, Paco Ferreira, para coñecer as prioridades do municipio en canto ás vías provinciais que o atravesan. En concreto, na xuntanza analizaron a situación da mellora da mobilidade peonil na EP-2108 de acceso a Donas e a rehabilitación da ponte románica de Mañufe.

A deputada provincial trasladou ao alcalde de Gondomar que o proxecto de mellora da mobilidade peonil na EP-2108 de acceso a Donas que comprometera o anterior Goberno provincial estaba inacabado. Neste eido,  Isabel Couselo comprometeuse  con Ferreira a “traballar para avanzar neste actuación e rematar o proxecto para poder logo executar a mellora no acceso a Donas”.

No que respecta á ponte románica de Mañufe, a deputada informou ao alcalde que a Deputación de Pontevedra desenvolveu unhas obras urxentes para arranxar deficiencias e garantir a seguridade da infraestrutura que están xa rematadas, non constando no servizo de Infraestruturas da institución provincial ningunha outra actuación a impulsar nesta contorna. En calquera caso, Isabel Couselo comprometeuse a recoller as inquedanzas do alcalde de Gondomar para analizar e estudar a posibilidade de recuperar a zona na que se sitúa a ponte románica.