A Deputación organiza este domingo catro saídas ao abeiro do Plan “+Convivencia” coa participación de máis de 210 persoas

Os participantes, de entidades de Ponteareas, Salceda de Caselas, Vilagarcía e Marín, visitarán lugares como o Grove e as illas Toxa, Cíes e Ons

02/08/2024

Máis de 210 persoas de catro entidades diferentes da provincia desfrutarán este domingo 4 de agosto de saídas ao abeiro do programa "+Convivencia" da Deputación de Pontevedra, que ofrece a oportunidade de compartir experiencias e crear espazos de participación. Trátanse de asociacións de Ponteareas, Salceda de Caselas, Vilagarcía e Marín, visitarán lugares como o Grove e as illas Toxa, Cíes e Ons.

En concreto, 54 persoas da Casa Cultural Artística e Deportiva de Areas, de Ponteareas, farán unha excursión á Illa da Toxa, ao Grove e desfrutarán dun paseo en barco pola ría de Arousa; 50 persaos da Asociación Agrupación Cultural Xunco, de Salceda de Caselas, visitarán O Grove e a Illa da Toxa; 54 persoas do Círculo Artístico y Deportivo Gato Negro de Carill, de Vilagarcía, viaxarán ás Illas Cíes, e 55 da Asociación de veciños Pardavila de San Julián, de Marín, desfrutarán dunha visita guiada á Illa de Ons.

O programa "+Convivencia", que está dotado con 220.000 euros, permite a entidades sen fins de lucro da provincia coñecer o patrimonio natural, artístico, etnográfico e cultural da provincia de Pontevedra. Oferta un amplo catálogo de actividades de todo tipo: relacionadas coa arqueoloxía, coa arquitectura civil, a relixiosa, a popular, cos faros, co Camiño de Santiago ou cos museos. Todas as propostas están abertas a entidades de iniciativa social, asociacións de mulleres, de maiores, veciñais e culturais ou tamén ANPAS da provincia e o prazo para solicitar as actividades, que deberán realizarse antes do 15 de decembro, permanecerá aberto ata o 1 de decembro.

Como novidade, o Goberno provincial destina este ano a cada entidade unha axuda de ata 1.000 € para que poidan xestionar e deseñar con total autonomía a súa actividade, favorecendo a contratación de empresas do tecido máis próximo e estimulando a economía local. Deste xeito rómpese co que acontecía ata o de agora, pois eran grandes grupos de viaxes, moi afastados das asociacións que organizaban as actividades, os que se facían coas ofertas.

— 3 Resultados por página
Mostrando el intervalo 1 - 3 de 6 resultados.