A sede de Vigo da Deputación acolle a conferencia sobre a vida olímpica de Teresa Portela

A vicepresidenta Luisa Sánchez presentou a actividade enmarcada en Unha vida olímpica, unha alianza entre a institución e a piragüista co obxectivo de levar o nome das Rías Baixas por todo o mundo

20/11/2024

A sede de Vigo da Deputación acolle a conferencia sobre a vida olímpica de Teresa Portela

A Deputación de Pontevedra acolleu este mércores na súa sede de Vigo unha conferencia sobre valores deportivos da man da olímpica Teresa Portela. A actividade foi presentada pola vicepresidenta provincial Luisa Sánchez e forma parte de Unha vida olímpica, unha alianza establecida entre a institución provincial e a olímpica pontevedresa para levar o nome das Rías Baixas por todo o mundo.

A vicepresidenta da Deputación lembrou que Teresa Portela é “a primeira muller en participar en ata sete Xogos Olímpicos grazas a unha vida de dedicación e de esforzo na que a contorna, esta marabillosa provincia, tivo moito que ver”. Luisa Sánchez puxo o foco no “privilexio” que supón vivir na provincia, con esas tres rías que fan posible a práctica do piragüismo e que Portela se convertera nunha potencial mundial neste ámbito”. A vicepresidenta provincial destacou logros de Portela como a medalla de prata en Tokio, as 17 en campionatos mundiais e as outras 17 en europeos. Eses méritos súmanse ao seu “espírito de loitadora, capacidade de superación continua e calidade humana”, razóns que a converten “na mellor embaixadora e nunha fonte de inspiración, cunha carreira chea de valiosas leccións que podemos aplicarnos todos”.

Luisa Sánchez aproveitou a ocasión para destacar o deporte como un dos eixos de traballo do goberno provincial, “cun 15% máis de recursos a esta área en 2025: máis de 6 millóns de euros que se suman aos outros 8 do segundo Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas”, unha dedicación “sen precedentes porque somos a provincia do deporte, queremos converternos no estadio deportivo por excelencia do mundo e apoiar os nosos clubs para que poidamos ver moitas máis Teresa Portela”.

Unha vida olímpica xa se celebrou anteriormente na vila natal de Portela, Cangas do Morrazo, e continuará os próximos meses, tralo seu paso por Vigo, en Pontevedra  e Tui. Nas conferencias, a olímpica afonda na importancia e incidencia dos valores deportivos na sociedade, ademais de dar a coñecer a súa traxectoria deportiva e de explicar como eses valores deportivos e mais a pegada da provincia de Pontevedra influíron no seu éxito.

Galerias de imagenes

— 3 Resultados por página
Mostrando el intervalo 1 - 3 de 6 resultados.