A Deputación convoca un concurso escolar para animar aos mozos a participar no deseño da Axenda Urbana e Rural da provincia

“Deseña a túa provincia con Minecraft”, “Challenge Kahoot!: Coñece a Axenda Urbana” e “Caderno da Axenda Urbana” están dirixidos ao alumnado de educación primaria, especial e secundaria dos colexios da provincia

30/05/2024

A Deputación de Pontevedra segue a avanzar no proceso de elaboración da Axenda Urbana e Rural da Provincia de Pontevedra (AUPO2030), coa que busca deseñar un modelo de desenvolvemento territorial de provincia máis sostible, resiliente, inclusivo e seguro, mellorando a planificación territorial e a cultura de participación arredor dela. Así, acaba de poñer en marcha os concursos escolares “Deseña a túa provincia con Minecraft”, “Challenge Kahoot!: Coñece a Axenda Urbana” e “Caderno da Axenda Urbana”, co obxectivo de fomentar a participación da poboación infantil e xuvenil neste proceso, reforzando así os valores cívicos e o compromiso das futuras xeracións. Permitirá, ademais, que os mozos coñezan a AUPO2030 e os seus obxectivo claves. Os concursos están dirixidos ao alumnado de educación primaria, especial e secundaria (ESO, bacharelato e FP básica ou de grao medio) dos centros escolares da provincia, que poderán participar de forma individual ou en grupo.

Máis ao detalle, en “Deseña a túa provincia con Minecraft” a participación é individual e está enfocado ao alumnado de 3º e 4º da ESO e de 1º e 2º de bacharelato ou de FP básica ou grao medio. O obxectivo é desenvolver calquera tipo de deseño de cidade, vila, aldea, espazo público ou construción dentro do modo creativo do videoxogo Minecraft que estea relacionado coa AUPO2030 e cun ou varios dos obxectivos clave (“Coñece, goza e axuda á túa localidade ou cidade”, “O cambio climático parámolo xuntas e xuntos”, “Reciclo ‘por min e por todas e todos os meus compañeiros’”, “Unha cidade é intelixente cando a súa poboación o é” e “Se planificamos xuntas e xuntos, sairanos mellor”). Outorgaranse un total de catro premios: un primeiro, de 100 €; un segundo, de 75 €; o terceiro, de 50 €, e o cuarto, de 25 €.

“Challenge Kahoot!: Coñece a Axenda Urbana”, pola súa banda, invita a trasladar, mediante a gamificación, os obxectivos, liñas de actuación e a acción da Axenda Urbana cunha actividade interactiva, divertida e sinxela. Neste caso, a participación é grupal e está enfocada ao alumnado de 1º e 2º da ESO. Cada grupo terá acceso a unha batería de dez preguntas e, por cada pregunta, o alumnado visualizará unha diapositiva con contido relacionado coa Axenda Urbana, tendo 60 segundos para responder a cada unha delas. No desafío haberá un primeiro premio, de 150 € en material escolar, e un segundo, de 100 €.

Por último, “Caderno da Axenda Urbana” está pensado para o alumnado de 1º e 2º de primaria, que poderá participar en grupo. O obxectivo é deseñar un mural ou viñetas de banda deseñada nas que, a través do debuxo, plasmen o seu propio caderno da Axenda Urbana. Para iso, a Deputación proporcionará aos centros educativos instrucións previas e material de consulta da AUPO2030 para que a presenten previamente na aula. Neste caso, tamén se repartirán dous premios de 150 e 100 € en material escolar.

O prazo para presentarse aos concursos está aberto ata o 21 de xuño, se ben no caso do “Challenge Kahoot!” é preciso facer a solicitude de participación antes do 7 de xuño. Só se admitirá unha solicitude de participación individual ou por grupo e aula, segundo o concurso, que se presentará a través da páxina web da Deputación, onde tamén se poden consultar todos os requisitos, procedementos e prazos en máis detalle.