AUPO 2030

Concursos escolares

Plan de acción da Axenda Urbana e Rural de Pontevedra

A Deputación de Pontevedra, dentro das accións contempladas no Plan de acción da Axenda Urbana e Rural de Pontevedra (AUPO2030), organiza diversas actividades centradas na participación cidadá.


Entre elas, póñense en marcha os concursos Deseña a Túa Provincia con Minecraft, Challenge Kahoot!: Coñece a Axenda Urbana e Caderno da Axenda Urbana, co obxectivo de fomentar a participación da poboación infantil e xuvenil nos procesos de planificación da provincia ao reforzar os valores cívicos e o compromiso da futuras xeracións cara ao territorio e facelas partícipes na detección de retos, necesidades e expectativas.

Esta iniciativa invita a que as nenas e nenos e a mocidade participen en actividades asociadas coa AUPO2030 e coñezan un ou varios dos seus obxectivos clave.

A convocatoria está dirixida a todo o alumnado de educación primaria, educación especial e secundaria (ESO, bacharelato e FP básica ou de grao medio) dos centros de ensino da provincia de Pontevedra, os cales poderán participar de forma individual ou en grupo a través do centro educativo nos concursos, co fin de que tomen parte no proceso de deseño da súa provincia.

CATEGORÍAS
  • Deseña a Túa Provincia con Minecraft
    • Individual, a través do centro educativo
    • Alumnado de 3.º e 4.ª da ESO e de 1.º e 2.o de bacharelato ou de FP básica ou grao medio
    • Participa
  • Challenge Kahoot!: Coñece a Axenda Urbana
    • Grupal, a través do centro educativo
    • Alumnado de 1.º e 2. º da ESO (unha solicitude por aula)
    • Participa
  • Caderno da Axenda Urbana
    • Grupal, a través do centro educativo
    • Alumnado de 1.º e 2.º de primaria (unha solicitude por aula)
    • Participa
COMO PARTICIPAR

Individual: unha persoa responsable do centro educativo (unha mestra ou un mestre ou a Dirección do centro) presentará os deseños de cada concursante, quen só poderá participar cunha única proposta. Neles indicaranse o nome da persoa participante, o curso e os datos identificativos do centro.

Grupal: unha persoa responsable do centro educativo (unha mestra ou un mestre ou a Dirección do centro) presentará a solicitude de participación da aula. Cada aula só poderá presentar unha única solicitude de participación ou proposta de deseño por concurso. Nela indicaranse o nome da titora ou titor, o curso e os datos identificativos do centro.
De forma xeral, en ambas as formas de participación, os traballos que non estean claramente identificados poderán descualificarse.
Os traballos presentados deberán ser orixinais e inéditos; é dicir, que non fosen copiados, reproducidos nin imitados, en todo ou en parte, doutro anterior.

A Deputación de Pontevedra poderá utilizar, publicar e divulgar o seu nome e o seu proxecto nas comunicacións de carácter informativo ou divulgativo que esta realice, tanto en medios de comunicación en soporte escrito coma en dixital.

INSCRICIÓN E PARTICIPACIÓN

Só se admitirá unha solicitude de participación individual ou por grupo e aula, segundo o concurso, que se presentará a través da páxina web da Deputación de Pontevedra (www.depo.gal).

A participación na convocatoria implica a aceptación dos requisitos de participación.

PRAZO DE PRESENTACIÓN E RESULTADOS
  • Deseña a Túa Provincia con Minecraft: poderanse presentar as solicitudes de participación ata o 21 de xuño de 2024. A información e documentación requirida deberase presentar no correo electrónico que se facilitará unha vez verificado o cumprimento dos requisitos esixidos e no prazo indicado neste.
  • Challenge Kahoot!: Coñece a Axenda Urbana: as solicitudes de participación poderán presentarse ata o 11 de xuño de 2024. O prazo para acceder e contestar ás preguntas propostas remata o 21 de xuño de 2024.
  • Caderno da Axenda Urbana: poderanse presentar as solicitudes de participación ata o 21 de xuño de 2024. A información e documentación requirida deberase presentar no correo electrónico que se facilitará unha vez verificado o cumprimento dos requisitos esixidos e no prazo indicado neste.

Os traballos presentados e os resultados do desafío serán valorados por un comité de avaliación da participación en cadansúa categoría, integrado por cinco membros designados pola Deputación de Pontevedra. A composición do Comité de Avaliación será a seguinte:

  • Unha o un presidente
  • Tres vogais
  • Unha ou un secretario