Luis López destaca que a primeira colaboración entre a Deputación e Fadeal levará aos 61 concellos da provincia xornadas de concienciación sobre o alzheimer

O presidente provincial asina un convenio dotado con 15.000 euros coa federación para o desenvolvemento do programa “Alzheimer de Preto”

19/09/2024

O presidente provincial percorreu os viñedos e a bodega de Paco & Lola en Meaño

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, asinou este xoves un convenio de colaboración con Fadeal, a Federación Atlántica de Asociacións de Familias de Persoas con Alzheimer), para levar aos 61 concellos de provincia o programa “Alzheimer de Preto” para ofrecer, por parte de profesionais e de xeito gratuíto, información especializada sobre esta enfermidade, a atención que poden prestar os familiares e os coidados que precisan os pacientes. “Asinamos un convenio e presentamos un programa de accións por toda a provincia para axudar a todas esas persoas que, por desgraza, lles tocou padecer esta enfermidade tan cruel”, explicou o mandatario provincial o sentido desta iniciativa nun acto no que estivo acompañado pola deputada de Benestar Social, Sandra Bastos; o presidente de Fadeal, Jose Manuel Fontenla; e representantes das catro asociacións que forman parte desta entidade: Afaga, Afapo, Afasal e Afamo.

Para a posta en marcha do programa “Alzheimer de Preto”, impulsado por Fadeal, a Deputación achega un total de 15.000 euros a través dun convenio de colaboración coa Federación que permitirá organizar xornadas formativas nos 61 concellos da provincia deseñadas para que “todas esas familias, vivan onde vivan, poidan coidar do mellor xeito posible ao paciente, para que as persoas diagnosticadas de alzheimer ou demencia nunha fase temperá poidan resolver todas as súas dúbidas ou inquedanzas e tamén para a poboación en xeral, pois as reunión son abertas e gratuítas, para concienciarnos sobre unha enfermidade da que ninguén está libre”, detallou Luis López despois de asinar o acordo no salón de actos do Edificio Administrativo da Deputación.

Un acordo subscrito dous días antes da conmemoración do Día Mundial do Alzheimer, que se celebra o vindeiro 21 de setembro. Unha data sinalada que “podemos aproveitar para recordar o importante que é atender aos pacientes e os seus achegados, promover a investigación para un día acabar con este mal e avanzar na prevención. Pero que tamén nos debe facer reflexionar, porque a loita contra o Alzheimer e o apoio aos afectados é algo que debemos facer a diario”, sinalou o presidente provincial.

Un traballo diario como o que fan as asociacións que operan na provincia e que contan co apoio directo da Deputación a través de convenios concretos para desenvolver programas como o servizo de atención ás familias de persoas con demencia de Afaga, as terapias non farmacolóxicas para pacientes con demencia de Afapo, a atención integral a persoas afectadas de Alzhéimer e outras demencias de Afamo ou os talleres de estimulación para persoas con Alzheimer de Afasal. Unha colaboración directa con estas catro entidades que supoñen a achega dun total de 75.000 euros por parte do organismo provincial para mellorar a calidade de vida das persoas con alzheimer e das súas familias.

“Tendemos pontes é o lema da Deputación. Un lema que hoxe poñemos en práctica por primeira vez con Fadeal,”, destacou Luis López, antes de poñer en valor o traballo realizado polo departamento de Benestar Social da Deputación e destas cinco entidades coas que cooperan de xeito estreito por “compartir con nós esa vocación municipalista de levar os mellores servizos a todos os recunchos da provincia, promover a colaboración entre institucións e por iniciativas como “Alzheimer de Preto”, que constrúen unha provincia mellor”, concluíu o presidente da Deputación.

Galerias de imagenes

— 3 Resultados por página
Mostrando el intervalo 1 - 3 de 6 resultados.