A Deputación e FADEAL levan esta semana as xornadas de concienciación sobre o alzheimer a cinco concellos da provincia

O obxectivo desta iniciativa, para a que a institución provincial achega 15.000 euros, é organizar sesións informativas en todos os concellos da provincia

28/10/2024

As xornadas “Alzheimer de preto”, organizadas pola Federación Atlántica de Asociacións de Familias de Persoas con Alzhéimer e outras demencias (FADEAL) e a Deputación de Pontevedra, continúan o seu percorrido pola provincia e chegarán esta semana a cinco concellos da provincia: Baiona, Barro, Fornelos de Montes, Cuntis e Pontevedra. A través desta iniciativa, para a que a institución provincial achega 15.000 euros, organizaranse sesión formativas sobre esta enfermidade nos 61 concellos da provincia.

En concreto, o martes terán lugar dúas sesións: en Baiona terá lugar no auditorio do Multiusos Ángel Bedriñana, de 9:30 a 13:30 horas, e en Barro no salón de sesións da Casa Consistorial de 16:00 a 20:00 horas. Xa o mércores 30 será a quenda de Fornelos de Montes, onde terá lugar no Centro Multiusos, e de Cuntis, no salón de actos da Casa da Cultura Roberto Blanco Torres, en ambos casos de 16:00 a 20:00 horas. Por último, Pontevedra acollerá esta xornada o xoves 31 de outubro, de 10:00 a 14:00 horas, na sala Valdecorvos da Casa Azul.

O obxectivo destas xornadas é que familias coidadoras, persoas diagnosticadas e a poboación en xeral poderán coñecer de preto a enfermidade, a súa evolución ou pautas para facilitar o día a día dos doentes, isto é, información, asesoramento e orientación a todas as persoas interesadas de todos os recunchos da provincia, atendendo especificamente as persoas que residen no rural. Concretamente, abordaranse os primeiros pasos tralo diagnóstico desta ou outras enfermidades neurodexenerativas, darase orientación sobre recursos asistenciais e sanitarios, tratamentos farmacolóxicos e non farmacolóxicos, así como facilitaranse novidades en canto a investigación, pautas para o manexo no fogar ou fóra del, ou tramitación documental e asesoramento legal.

O proxecto financiado pola Deputación será xestionado a través das entidades asociadas da federación, que serán as encargadas de realizar as sesións informativas ao longo da provincia: a Asociación de Familiares de Enfermos de Alzhéimer e outras demencias de Pontevedra (AFAPO), a Asociación de Familiares de Persoas con Alzhéimer e outras demencias da Comarca do Morrazo (AFAMO), a Asociación de Familiares de Enfermos de Alzhéimer e outras Demencias de Galicia (AFAGA) e a Asociación de Familiares de Enfermos con Alzhéimer (AFASAL).

 

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 6 resultados.