A Deputación de Pontevedra reforza o seu compromiso coa cultura popular e as tradicións a través da súa colaboración coa Federación de Rondallas da Área de Vigo
A institución provincial achega 10.000 euros para promover as actividades deste colectivo, recuperando o apoio que o anterior goberno eliminou á súa chegada ao pazo pontevedrés
14/08/2024
A vicepresidenta da Deputación de Pontevedra, Luisa Sánchez, e Serafín Rodríguez, presidente da Federación de Rondallas da Área Metropolitana de Vigo, asinaron este mércores un convenio de colaboración entre as dúas entidades, a través do que a institución provincial achega 10.000 euros para promover as actividades desenvolvidas por este colectivo.
Unha acción que, en palabras de Luisa Sánchez, reforza o compromiso da Deputación coa cultura popular e as tradicións, “selo do noso ADN”. Ao fío, a representante provincial incidiu en que se recupera o apoio que o anterior goberno eliminou á súa chegada ao pazo pontevedrés e que na práctica, dixo, “supuxo retirar o respaldo provincial aos máis de 1.200 rondalleiros que forman parte das distintas agrupacións da área de Vigo e aos 7.000 asistentes que gozan cada ano co Concurso de Rondallas no Ifevi”. “Agora estamos en disposición de corrixir este erro e contribuír a manter esta fermosa tradición”, anotou.
A vicepresidenta provincial referiuse á Federación de Rondallas da Área de Vigo como unha peza fundamental da aposta do Goberno provincial por “difundir, cultivar e preservar as raíces culturais que nos identifican como pobo”. Unha aposta que, engadiu Luisa Sánchez, ten o seu principal reflexo no plan provincial de apoio ao sector cultural. Sobre o Culturea recordou que conta cunha achega de máis dun millón de euros e é un dos programas máis diversos e amplos do territorio, “para atender as demandas dun sector inquedo que non deixa de sorprendernos coas súas propostas, enchendo de luz e cor as aldeas e barrios de Vigo e a súa área de influencia”