A Deputación ofrece este mércores unha mesa redonda sobre como romper cos estereotipos da científica dentro do ciclo Ciencia en Feminino

A deputada de Igualdade, Sandra Bastos, asistirá a este encontro en liña, no que participan Yasmina Martínez, Marta Castiñeira e Paula Gutiérrez-Muñoz e que se enmarca na programación de actividades da Deputación co gallo do 8M, agrupadas baixo o paraugas da campaña Malabares ata cando?

25/03/2025

A Deputación de Pontevedra ofrece este mércores 26 de marzo o últimos dos encontros do ciclo Ciencia en feminino, unha programación de charlas e mesas redondas en liña organizadas en colaboración con GCiencia que están a afondar na situación da muller na ciencia da man de investigadoras galegas de recoñecido prestixio.

A deputada de Igualdade, Sandra Bastos, realizará a presentación desta mesa redonda, conducida pola xornalista de GCiencia Gloria Montenegro e que leva por título “Máis alá de Marie Curie. Como romper cos estereotipos da científica?”. Yasmina Martínez Barciela, entomóloga e investigadora predoutoral na Univerisdade de Vigo; Marta Castiñeira, doutora en Químia Física e investigadora do Centro de Química Biolóxica e Materiais Moleculares da Universidade de Santiago de Compostela e Paula Gutiérrez-Muñoz, investigadora do Instituto Español de Oceanografía do Centro Oceanográfico de Vigo e Instituto de Investigacións Mariñas, sentaranse para conversar sobre os tópicos vixentes neste eido e analizar se estes inflúen á hora de escoller especialidades. O encontro poderase seguir en directo a través da canle de GCiencia en YouTube e tamén estará dispoñible a partir do día seguinte, o xoves 27, en formato pódcast.

Con esta mesa redonda péchase o ciclo Ciencia en feminino, unha das actividades integradas en Malabares ata cando?, a campaña coa que a Deputación de Pontevedra reivindica co gallo do Día Internacional das Mulleres (8 de marzo) a necesidade dunha corresponsabilidade real para que as mulleres non teñan que ser quen sacrifiquen as súas carreiras ou o tempo que poden dedicarse a si mesmas por mor dos coidados. Arredor desta campaña a institución provincial está a desenvolver ao longo de todo este mes preto dunha vintena de actividades, entre elas un concurso escolar, exposicións, obradoiros de sensibilización, actividades formativas ou foros de debate.

videos

— 3 Resultados por página
Mostrando el intervalo 1 - 3 de 4 resultados.