Luis López sinala a pegada de catro millóns do Plan de Infraestruturas Deportivas da Deputación para dotar á provincia de instalacións renovadas, modernas e variadas

O presidente provincial participou este sábado no acto de inauguración do novo campo de fútbol de Dorrón, nunha comarca do Salnés na que este plan deixou máis de 720.000€

14/09/2024

Luis López no campo de fútbol do Cruceiro

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, salientou a cantidade e calidade das instalacións deportivas da provincia e destacou o éxito do Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas posto en marcha pola Deputación cun orzamento de 4 millóns de euros. Fíxoo durante a súa participou este sábado en Sanxenxo na inauguración do campo de fútbol do Cruceiro, en Dorrón, nun acto de portas abertas no que a veciñanza e os colectivos da localidade puideron coñecer as instalacións antes de desfrutar dun encontro entre o Dorrón e o Noalla.

Na cerimonia, o mandatario provincial afirmou que “somos a provincia do deporte” polos éxitos dos deportistas de elite da provincia, polo labor de clubs e federacións e pola acollida de competicións deportivas de interese internacional. Pero, sobre todo, subliñou López, pola cantidade e calidade das instalacións deportivas, que se viron melloradas pola aprobación dun Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas que deixou 720.000 euros de investimento nos concellos da comarca do Salnés.

“Hai case un ano aprobabamos unha das nosas primeiras medidas como goberno: O Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas. Onte mesmo aprobamos en Xunta de Goberno a concesión da última subvención deste programa e xa podemos dicir con total seguridade que foi un éxito rotundo: repartimos 4 millóns de euros en 59 concellos e levamos a cabo 75 proxectos que supoñen un investimento total próximo aos 7 millóns de euros”, sinalou o presidente da Deputación, sobre un programa que permite actuar en 32 pavillóns, ximnasios, estadios ou pistas polideportivas; en 26 campos de fútbol, en 7 piscinas municipais, en 7 skateparks ou pump tracks, en 3 pistas de pádel e mesmo adquirir bicicletas.

No tocante ao campo de fútbol de Dorrón, López amosou a súa satisfacción pola estrea desta instalación xa que se trata dun equipamento moderno e adaptado aos novos tempos, que funcionará tamén como punto de encontro para a veciñanza e que sirve para atender unha necesidade desta parroquia.

A renovación do campo de fútbol de Dorrón supuxo o investimento de case un millón de euros por parte da empresa concesionaria do ciclo da auga do Concello de Sanxenxo. A instalación conta cun céspede artificial de útlima xeración, vestiarios renovados e confortables, novas bancadas e unha cantina. Así mesmo, a parcela exterior foi acondicionada como estacionamento.

Galerias de imagenes