A Deputación destina máis de 15.000 € para que catro estudantes de FP poidan ampliar as súas prácticas en países de Europa ao abeiro do Erasmus+

Os alumnos, que proveñen de centros educativos de Pontevedra, Redondela e Vigo, permanecerán entre un e cinco meses máis nos seus países de acollida

22/11/2024

A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra aprobou hoxe ampliar as bolsas de mobilidade de alumnos que se atopan neste momento facendo as súas prácticas en diferentes países europeos ao abeiro do programa Erasmus+ 2023. Desta maneira, destinará 16.000 € dos 1,4 millóns de euros do orzamento deste proxecto, que está financiado con fondos europeos a través do SEPIE, para que catro graduados en ciclos medios de Formación Profesional da provincia continúen realizando as súas prácticas en empresas e institucións europeas. “Queremos que a mocidade desta provincia sexa a mellor preparada da historia –asegurou o presidente provincial, Luis López- porque o futuro de Pontevedra está nas súas mans e non imos dubidar nin un intre en destinar recursos para completar a súa formación”.

En concreto, como explicou o presidente provincial, os alumnos están a realizar as súas prácticas en República Checa, Irlanda e Malta e ampliarán as súas estadías entre un e cinco meses. Estes catro graduados de FP proveñen de centros educativos de Pontevedra, Redondela e Vigo e cursaron ciclos da área de xestión administrativa e atención a persoas en situación de dependencia.

Con estas bolsas a Deputación de Pontevedra pretende proporcionarlles apoio económico para facer fronte aos gastos de aloxamento, manutención, viaxe e transportes locais derivados da realización destas prácticas que buscan facilitarlles a transición ao mercado laboral. Deste xeito, as persoas participantes poden reforzar con estas estadías no estranxeiro as competencias vinculadas ao seu perfil profesional e adquirir experiencia, mellorando así as súas expectativas laborais.