A Deputación abre este luns o prazo de inscrición para participar nas rutas de setembro do programa +Bosques

Serán nove percorridos que terán lugar todos os sábados e domingos do mes, desde o domingo 1 de setembro no río Almofrei ata o domingo 29 no lago Castiñeiras

17/08/2024

A Deputación de Pontevedra abre este luns 19 de agosto o prazo de inscrición para participar nas rutas do mes de setembro do programa provincial + Bosques. Serán en total nove percorridos que se celebrarán todos os sábados e domingos do mes, desde o propio domingo 1 no río Almofrei ao seu paso pola cidade de Pontevedra ata o domingo 29, no lago Castiñeiras, situado entre os concellos de Marín e Vilaboa.

O programa da Deputación oferta ao longo do verán 40 itinerarios en sete espazos naturais tanto da costa como do interior da provincia cos que se pode coñecer a variedade de ecosistemas ricos en biodiversidade de Pontevedra. As rutas programadas no mes de setembro son as seguintes: no río Almofrei (Pontevedra) o domingo 1, no lago Castiñeiras (Marín e Vilaboa) o sábado 7 e o domingo 29, no río Xabriña (Covelo) o domingo 8, no pazo de Lourizán (Pontevedra) os sábados 14 e 28, na illa de Tambo (Poio) o domingo 15, en Cabo Udra (Bueu) o sábado 21 e no parque natural do Carreirón (A Illa de Arousa) o sábado 22. As persoas interesadas deberán cubrir este luns a partir das 9:00 horas da mañá un formulario en liña, cun máximo de tres acompañantes.

As rutas concíbense como unha experiencia chea de estímulos para comprender o método de aplicación do “baño de bosque” e a conexión directa en e coa natureza. Promoverase  a estimulación sensorial a través dos cinco sentidos, así como exercicios físicos e psicolóxicos para comprender, entender e fortalecer os lazos co medio natural da provincia.

Xornada de degustación de cociña silvestre

O broche de ouro do programa +Bosques será unha xornada de degustación de cociña silvestre que se celebrará en novembro, unha vez rematados os percorridos. Esta actividade, de tres horas de duración, está aberta a todas as persoas participantes nos preto de 40 “baños de bosque” que organiza a Deputación entre xuño e outubro. Consistirá nunha recollida de froitos e vexetais silvestres comestibles dos bosques da provincia de Pontevedra, coa súa respectiva identificación e degustación. As inscricións para as últimas rutas do programa, que oferta oito saídas en outubro, abrirán o luns 16 de setembro.

— 3 Resultados por página
Mostrando el intervalo 1 - 3 de 6 resultados.