A Deputación activa as axudas para que os concellos da provincia impulsen actividades de dinamización da lingua galega no 2025, dotadas con 150.000 euros
O prazo de solicitude destas axudas, cuxas bases completas poden consultarse no Boletín Oficial da Provincia, abre este venres e permanecerá operativo ao longo dun mes
06/03/2025
A Deputación de Pontevedra acaba de activar as axudas para que os concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia impulsen actividades de dinamización da lingua galega no 2025, dotadas cun orzamento de 150.000 euros. A través desta liña de axudas poderanse financiar programas e campañas de normalización e dinamización lingüística, actividades de sociolingüística e toponimia, iniciativas de fomento do emprego do galego no comercio e na industria e recoñecementos e distincións. O prazo de solicitude destas axudas, cuxas bases completas poden consultarse no Boletín Oficial da Provincia, abre este venres e permanecerá operativo ao longo dun mes.
Con esta convocatoria a Deputación pretende colaborar cos concellos para incrementar o uso do galego en toda a sociedade, aumentando a efectividade das accións dinamizadoras, e potenciar o seu uso no ámbito socioeconómico e en todos aqueles de importancia e repercusión social. Ao detalle, poderán optar a financiamento programas de normalización e dinamización lingüística como certames literarios e xornalísticos que promovan a creación en lingua galega; actividades de creación que permitan asociar a lingua galega a valores positivos; proxectos de creación artística nos ámbitos do audiovisual, pódcasts, videoxogos, música e banda deseñada, especialmente os dirixidos á infancia e á mocidade; e xornadas e eventos que promovan a creación en lingua galega.
Tamén actividades de sociolingüística e toponimia como estudos, publicacións e xornadas; iniciativas de fomento do emprego do galego no comercio e na industria; campañas para a dinamización, uso e prestixio da lingua galega no ámbito comercial e socioeconómico; recoñecementos e distincións que permitan valorar persoas ou colectivos que transmitan valores positivos asociados á lingua galega así como o fomento do seu emprego en actividades de captación de neofalantes; e actividades de dinamización e normalización que fomenten o seu emprego e a socialización en galego.
Os concellos interesados terán un mes, a partir deste venres 7 de marzo, para presentar a súa solicitude por vía electrónica para optar a estas axudas, que serán distribuídas por concorrencia competitiva. Xunto coa solicitude deberán achegar unha memoria explicativa da actividade. A Deputación de Pontevedra financiará aqueles gastos relativos ás infraestruturas e aos espazos para o desenvolvemento do programa ou evento; á contratación de servizos técnicos e profesionais; á edición de publicación: á contratación de axentes e prensa e comunicación e de campañas publicitarias; aos cachés de grupos de artistas, así como aos gastos de desprazamento ou de aloxamento e manutención, sempre que non supere o 75% do orzamento da actividade.