Luis López anuncia que as axudas da Deputación a deportistas olímpicos e de alto nivel se incrementan ata os 400.000 € para reforzar o compromiso coa elite deportiva da provincia

Por unha banda, destinaranse 125.000 € para os participantes nos Xogos Olímpicos ou Paralímpicos de París e, pola outra, 275.000 € para os deportistas de elite e novos talentos

26/07/2024

Luis López

O presidente provincial, Luis López, anunciou hoxe que a Deputación de Pontevedra acaba de aprobar dúas novas liñas de achegas destinadas a apoiar aos deportistas da provincia. Desta maneira, por unha banda destinaranse 125.000 euros para axudar aos deportistas que participen nos Xogos Olímpicos ou Paralímpicos e, pola outra, 275.000 euros para apoiar aos deportistas de alto nivel e aos deportistas promesa. “O noso compromiso cos deportistas está máis que garantido, xa que non queremos que ningún teña que renunciar aos seus soños por falta de apoio –asegurou Luis López-. Desta maneira, ao seu esforzo enorme, sumámoslle un esforzo económico da Deputación para que cheguen a todas as metas que se propoñan”.

No caso das primeiras, están dirixidas aos deportistas da provincia que comezan estes días a súa participación nos Xogos Olímpicos ou Paralímpicos de París 2024, que poderán recibir un máximo de 6.000 euros cada un. “Facémolo –asegurou o presidente provincial – porque máis da metade dos deportistas galegos que estarán en París 2024 son da provincia”. O prazo para solicitar estas achegas comezará ao día seguinte da publicación das bases no Boletín Oficial e remará o 30 de setembro.

Por outra banda, 275.000 euros, 25.000 máis que o pasado ano, irán destinados a apoiar aos deportistas de alto nivel e aos deportistas promesa da provincia. O obxectivo é posibilitar a súa participación en competicións internacionais e nacionais e as axudas concederanse en réxime de concorrencia competitiva en función do resultados acadados no 2023 e establécense tres grupos diferentes.

Así, as axudas de alto nivel, Depo_Dan, (grupo A) poderán solicitar as axudas A1, dotadas con 2.000 euros se acreditan un podio nun Campionato do Mundo; A2, con 1.250 euros, cun 4º posto en adiante no Campionato do Mundo ou podio no Europeo; A3, con 900 €, do 4º posto en adiante nun Campionato de Europa ou podio no Campionato de España, ou A4, 500 €, cun 4º posto en adiante no Campionato de España ou podio no Campionato Galego.

O mesmo ocorrerá co grupo A+, para deportistas de alto nivel con discapacidade física, intelectual ou visual, que recibirán 3.000, 2.000, 1.500 ou 1.000 euros, respectivamente; e co Grupo B, Depo_Talento, con 1.200 euros; 800 euros e 500 euros (neste caso non existe un grupo para o campionato galego).

O presidente provincial lembrou que o pasado ano recibiron estas axudas un total de 287 deportistas, 179 de alto nivel (12 deles con discapacidade) e 96 novas promesas. Entre eles atopábanse Teresa Portela,  Desirée Vila, Susana Rodríguez Gacio, os irmáns Rodríguez Huertas, Antía e Daniel Chamosa ou Antía Jácome.

videos

audios