A Deputación organiza en maio no Museo de Pontevedra un curso de audicións comentadas para achegar a música clásica a todos os públicos

A profesora Sara Domínguez Lloria dedicará cada mércores a unha obra destacada de grandes compositores: Saint-Saëns, Ravel, Mussorgsky e Rimski-Kórsakov

28/04/2024

Olladas musicais no museo

A Deputación de Pontevedra organiza no Museo de Pontevedra o próximo mes de maio o curso ‘Olladas musicais: audicións comentadas’. Ao longo de catro sesións, os mércores 8, 15, 22 e 29 de maio, escoitaranse e comentaranse catro composicións emblemáticas da historia da música que servirán como base para proporcionar un espazo de encontro cultural no que explorar, aprender e gozar da música clásica.

O curso será impartido pola profesora Sara Domínguez Lloria, os mércores de maio de 19:00 a 20:30 h, no auditorio do Edificio Castelao. O acceso a cada sesión é libre. Ademais, entregaráselles un certificado de asistencia ás persoas que se inscriban previamente en reservas.museo@depo.gal e asistan como mínimo ao 70 % das sesións.

O obxectivo principal desta iniciativa é promover o aprecio e a comprensión da música clásica entre a o público adulto. Para iso, cada sesión centrarase nunha composición e desenvolverase seguindo un esquema similar: primeiro farase unha introdución á obra, para logo realizar unha escoita de fragmentos representativos e a análise dos temas musicais. Abordaranse tamén historias e curiosidades, influencias diversas ou o contexto histórico, segundo o caso, e tamén a relevancia e legado da obra.

A sesión do 8 de maio estará dedicada a ‘O Entroido dos animais’, composto por Camille Saint-Saëns en 1886, unha obra na que a través de melodías lúdicas e representación inventivas de animais o compositor francés conseguiu marabillar a sucesivas xeracións de oíntes. O 15 de maio é a quenda de ‘Miña nai, a gansa’, unha obra de Maurice Ravel que rachou as convencións da música da súa época cunha innovadora combinacións de elementos narrativos e musicais.

A terceira sesión, o 22 de maio, está dedicada a ‘Cadros para unha exposición’, unha composición de Modest Mussorgsky que, en 1874, ofreceu un enfoque innovador creando unha conexión directa entre a música e a arte visual. O curso pecharase o mércores 23 de maio co achegamento á obra máis emblemática de Nikolái Rimski-Kórsakov, que en ‘Scheherezade, Op. 35’ explorou o interese por Oriente, inspirado polos contos de ‘As mil e unha noites’.

O curso será impartido por Sara Domínguez Lloria, licenciada en Música con especialidade en Piano, doutora en Educación pola Universidade de Vigo e cun mestrado en Teatro e Artes escénicas e outro en Dirección e xestión de centros educativos. Foi directora da Escola Municipal de Música de Santiago de Compostela e profesora da Facultade de Ciencias da Educación da Universidade de Santiago de Compostela. Desde 2021 é profesora na Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte da Universidade de Vigo, no departamento de didáctica especial da área de didáctica da expresión musical.
 
 

Enlaces de interés