Luis López anima a visitar a exposición “Castelao: o retorno a Galicia. 1984” para valorar o avance e a convivencia da sociedade galega nos últimos corenta anos

O presidente da Deputación participou, xunto co vicepresidente, Rafa Domínguez, na inauguración dunha mostra que marca o inicio das exposicións do ano 2024 do Museo de Pontevedra

07/03/2024

Luis Lópe animou a visitar a exposición Castelao: o retorno a Galicia, 1984. Xan Carballa, fotografías

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, animou este xoves a visitar a exposición "Castelao: o retorno a Galicia, 1984. Xan Carballa, fotografías" para valorar o avance e a convivencia da sociedade galega e coa que o Museo de Pontevedra inicia o programa expositivo do ano 2024. "Desde este edificio que leva o seu nome reafirmamos a nosa vocación de tender pontes con todos e para todos; coas raíces de Castelao e a provincia do futuro, con todos os sectores sociais, todos os territorios e todos os cidadáns, porque na construción dunha terra mellor non sobra ninguén", afirmou Luis López citando o intelectual galego: "en Galicia hai sitio para todos".

En referencia a un debuxo de Castelao no que plasmou un mariñeiro de rostro curtido vogando cara o interior do mar, que titulou Deixa raíces en terra. Volverá, Luis López reflexionou sobre o que mudou aquela Galicia á que volveron os restos de Castelao en xuño de 1984 e canto influíron nesa evolución as raíces que deixou o debuxante de Rianxo na sociedade galega. "Castelao deixou raíces e, por iso, volveu. Ao seu regreso Galicia era outra, máis aberta, máis orgullosa, máis plural e máis disposta a medrar; e ás tensións entre ideas que tamén reflicten as imaxes desta mostra non deben ocultar outra realidade: por fin todas as visións podían manifestarse, expresarse e convivir con outras con pleno dereito", declarou o presidente da Deputación.

Nunha inauguración na que tamén participaron o vicepresidente da Deputación, Rafa Domínguez, o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, ou a directora do Museo de Pontevedra, Ángeles Tilve, entre outras autoridades, o presidente da Deputación rematou o seu discurso poñendo en valor o traballo levado a cabo polo fotoxornalista Xan Carballa, agradecendo o traballo da organización da mostra e convidando "a todo o mundo" a visitar esta mostra porque, "asomándonos a ela, tamén nos coñecemos un pouco mellor a nós mesmos".

Compromiso coa cultura e identidade galega

Pola súa banda, Rafa Domínguez, vicepresidente provincial e responsable do Museo de Pontevedra, fixo fincapé no compromiso da Deputación coa "cultura galega e coa preservación da nosa identidade e historia" ao dedicarlle á figura de Castelao a primeira grande exposición do ano no museo. "Estas imaxes capturan a esencia dun día cheo de significado e emoción, no que o noso pasado e presente se entrelazan nun abrazo", subliñou Domínguez reiterando o compromiso da Deputación e do museo para "manter viva a nosa identidade e promover a nosa rica historia e patrimonio".

A directora do Museo de Pontevedra, Ángeles Tilve, quixo tamén destacar que "a reportaxe gráfica de Xan Carballa é un exemplo excepcional de fotoxornalismo e de documentación histórica duns incidentes que hai que entender nun momento especialmente convulso da nosa historia".

Apertura do curso expositivo no museo

O Museo de Pontevedra abre o programa expositivo de 2024 coa mostra "Castelao: o retorno a Galicia, 1984. Xan Carballa, fotografías". Esta exposición, que conmemora o 40 aniversario da chegada a Galicia dos restos mortais de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, artéllase arredor da crónica fotográfica daquel 24 de xuño de 1984 realizada polo fotógrafo e xornalista Xan Carballa. Incorpora tamén obra artística de Castelao, fotografías, documentación e prensa da época para contextualizar os anos de exilio do intelectual galeguista. Poderase visitar ata o 2 de xuño no Edificio Castelao.

Xosé Enrique Acuña é o comisario dunha exposición composta por 52 fotografías realizadas por Xan Carballa hai corenta anos e restauradas para esta ocasión. Carballa realizou para o desaparecido semanario A Nosa Terra unha reportaxe gráfica do acontecido nos tres espazos de Santiago de Compostela en que se desenvolveron os feitos principais do retorno dos restos de Alfonso Castelao a Galicia: o aeroporto da Lavacolla, os exteriores de San Domingos de Bonaval e o propio interior do Panteón de Galegos Ilustres, onde foi cerimoniosamente soterrado.

As fotografías de Carballa expóñense como unha gran crónica visual que narra tanto os intentos por parte das autoridades da Xunta de Galicia de preparar un protocolo para os actos de benvida que se correspondesen coa importancia da figura histórica de Castelao, coma a serie de incidentes e manifestacións que se viviron ese día ante o aeroporto da Lavacolla e, con maior intensidade, na entrada de San Domingos de Bonaval.

Galerias de imaxes

videos