A Deputación pon en valor a figura de Urania Mella nun novo faladoiro do programa provincial Aquí faltan páxinas

A deputada provincial Sandra Bastos remarcou que “Urania foi unha muller exemplar, adiantada ao seu tempo, defensora dos dereitos das mulleres e da paz e cun gran compromiso político, social e educativo”

15/11/2024

Aquí faltan páxinas - Urania Mella

A Sede de Vigo da Deputación de Pontevedra acolleu hoxe un novo faladoiro do programa provincial Aquí faltan páxinas. Neste caso, a protagonista foi a pianista, educadora, defensora da paz e dos dereitos das mulleres Urania Mella unha muller “exemplar, adiantada ao seu tempo, defensora dos dereitos das mulleres e da paz e cun gran compromiso político, social e educativo”, como a definiu a deputada de Igualdade, Sandra Bastos, durante o acto. O faladoiro correu a cargo de Iria Presa, filóloga, investigadora e promotora cultural, estudosa tanto da vida de Urania Mella como do seu pai, Ricardo Mella, que estivo presente desde México, onde reside. Ademais, durante o acto a artista Silvia Penas levou a cabo unha performance histórico-poética.

A responsable provincial de Igualdade lembrou a historia de Urania Mella que, “como todas as mulleres deste ciclo, ben merece ocupar páxinas nos libros de historia”, unha historia “tráxica, de loita constante. Pero tamén un exemplo de vida e unha referencia para o movemento feminista asociacionista”. Unha muller que, tras combater contra as tropas de Franco, foi enviada ao penal de Saturrarán e “faleceu con tan só 45 anos por mor dun tumor cerebral”.  “Por iso, Urania tiña que formar parte desta segunda antoloxía de podcasts”, asegurou Bastos, “porque, precisamente, o noso obxectivo é contar historias apaixonantes como a súa; historias das que podemos sentirnos orgullosas e historias coas que visibilizamos o legado de grandes mulleres como Urania Mella, que ao igual que fixera o seu pai Ricardo Mella, non dubidou, entre outras cousas, en ensinar ás súas veciñas analfabetas a escribir”.

A traxectoria de Urania Mella, así como a das outras mulleres que forman parte da segunda colección do programa Aquí faltan páxinas, pode consultarse nun pódcast do que se poderá desfrutar tanto na web institucional como en Ivoox e Spotify

— 3 Resultados por página
Mostrando el intervalo 1 - 3 de 5 resultados.