A Deputación divulga a traxectoria artística de Mercedes Ruibal nun novo faladoiro de Aquí Faltan Páxinas

Sandra Bastos: “A provincia de Pontevedra ten mulleres extraordinarias que chegaron á cima, como Ruibal, pero non reciben o mesmo crédito que homes cos mesmos méritos”

08/11/2024

Aquí faltan páxinas Mercedes Ruibal

A pintora Mercedes Ruibal centrou este venres unha nova entrega do programa provincial Aquí faltan páxinas, celebrado nesta ocasión no Edificio Administrativo da Deputación en Pontevedra. A deputada de Igualdade, Sandra Bastos, abriu o faladoiro no que as persoas asistentes puideron coñecer a historia da artista da man de Graciela Baquero Ruibal, poeta, narradora e coordinadora de obradoiros de creatividade, ademais da súa sobriña. O faladoiro irá acompañado dun pódcast dispoñible proximamente no sitio web institucional, Ivoox e Spotify con testemuños recollidos durante o encontro.

A deputada provincial Sandra Bastos sinalou que “actualmente a súa pintura figura nas coleccións de varios museos galegos e americanos, e tamén en coleccións privadas”, polo que “Mercedes Ruibal ben merece un espazo neste programa, porque queremos contar historias apaixonantes das que podemos sentirnos orgullosas, para visibilizar o legado de grandes mulleres e inspirarnos nelas”. A deputada de Igualdade lembrou que “esta é unha provincia con mulleres extraordinarias, que tiveron un papel fundamental na nosa historia pero que, lamentablemente, non sempre protagonizan nin forman parte do relato que nos contan”, ata o punto de que “moitas veces, como é caso de Mercedes Ruibal, chegan a acadar a cima pero non reciben o crédito que recibiron homes cos mesmos méritos”.

Mercedes Ruibal, nada en Xeve, nunha familia de grandes inquietudes artísticas que se viu obrigada a emigrar a causa da guerra. En Bos Aires iniciouse na pintura con Laxeiro como amigo, mentor e mestre e, cando regresou a Galicia, fíxoo convertida en pintora. Viviu en Madrid e tras casar con Agustín Pérez percorreu medio mundo, con parada en cidades como Roma, onde compartiu estudo con Rafael Alberti.

A segunda colección do programa Aquí faltan páxinas busca enxalzar a figura de grandes mulleres vinculadas á provincia e relevantes na historia. Ademais da de Ruibal, inclúe as historias da pintora Carmen Babiano, as leiteiras de Pontevedra, a investigadora Inmaculada Paz Andrade, a escritora Avelina Valladares, a guerrilleira Placeres Castellanos, a fotógrafa Mary Quintero, as madriñas de Redondela, a raíña Dona Urraca, a soprano María Pardo, a política e activista Urania Mella e a combatente María Araujo.

Enlaces de interés

Galerias de imagenes