A Deputación leva ata Vilagarcía de Arousa o próximo xoves un faladoiro sobre María Araújo no marco de Aquí Faltan Páxinas

A deputada de Igualdade, Sandra Bastos, participará na actividade que terá lugar no Auditorio municipal ás 19:00 horas e será impartida pola profesora de Historia de América da Universidade de Santiago de Compostela Pilar Cagiao

07/12/2024

“María a Guerrilleira”, alcume co que se coñece a activista María Araújo, será a protagonista este xoves 12 de decembro en Vilagarcía de Arousa dunha nova entrega do programa Aquí Faltan Páxinas. A deputada de Igualdade, Sandra Bastos, abrirá o faladoiro organizado pola Deputación de Pontevedra, que estará impartido pola profesora de Historia de América da Universidade de Santiago de Compostela Pilar Cagiao. O encontro terá lugar no Auditorio municipal ás 19:00 horas.

O faladoiro, que se poderá seguir a través do sitio web da Deputación, irá acompañado dun podcast que estará dispoñible nos próximos días, con testemuños recollidos durante o encontro. O faladoiro centrarase na figura desta guerrilleira nada no Carril que loitou contra as ditaduras de Franco e de Batista. Con só dous anos emigrou a Cuba, onde casou con Sebastián Carcaño e xuntos se iniciaron nas loitas proletarias e vinculáronse ao entón nacente movemento comunista cubano. Ao seu regreso, María empezou a traballar nunha fábrica de conservas de Vigo e tomou as rendas do Sindicato de Conserveiras como militante do Partido Comunista. Durante a Guerra Civil participou na loita guerrilleira contra as forzas franquistas ata que a encarceraron coa súa filla pequena. En 1944, o cónsul de Cuba en Vigo axudouna a saír de prisión e regresar a Cuba. Alí axudou os guerrilleiros antifranquistas españois e os comunistas cubanos contra a ditadura de Batista, ademais de apoiar o goberno revolucionario.

A segunda colección do programa Aquí faltan páxinas, que busca enxalzar a figura de grandes mulleres vinculadas á provincia e relevantes na historia, comezou o mes de febreiro coa figura da pintora Carmen Babiano. As accións deste ano, ademais da traxectoria de María Araújo, tamén inclúen a historia de mulleres como as leiteiras de Pontevedra, a investigadora Inmaculada Paz Andrade, a escritora Avelina Valladares, a guerrilleira Placeres Castellanos, a fotógrafa Mary Quintero, as madriñas de Redondela, a raíña Dona Urraca, a política e activista Urania Mella, a artista contemporánea Mercedes Ruibal e a soprano María Pardo.