A Deputación destina 45.000 € para que 13 estudantes de FP poidan ampliar as súas prácticas en países de Europa ao abeiro do programa Erasmus+

Os alumnos, que proveñen de centros educativos de Gondomar, Lalín, Pontevedra, Redondela e Vigo, permanecerán entre un e tres meses máis nos seus países de acollida

19/07/2024

A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra aprobou hoxe ampliar as bolsas de mobilidade de alumnos que se atopan neste momento facendo as súas prácticas en diferentes países europeos ao abeiro do programa Erasmus+ 2023. Desta maneira, destinará 45.000 € dos 1,4 millóns de euros do orzamento deste proxecto, que está financiado con fondos europeos a través do SEPIE, para que 13 graduados en ciclos medios de Formación Profesional da provincia continúen realizando as súas prácticas en empresas e institucións europeas. “Queremos que a mocidade desta provincia sexa a mellor preparada da historia –asegurou o presidente provincial, Luis López-. O futuro de Pontevedra está nas súas mans e por iso non imos dubidar nin un intre en destinar recursos para completar a súa formación”.

En concreto, como explicou o presidente provincial, estes 13 alumnos están a realizar as súas prácticas en República Checa, Irlanda, Malta, Italia, Francia e Croacia, chegaron aos seus países de acollida entre febreiro e maio deste ano e ampliarán as súas estadías entre un e tres meses. Estes 13 graduados de FP proveñen de centros educativos de Gondomar, Lalín, Pontevedra, Redondela e Vigo e cursaron ciclos da área de instalación e amoblamento, vídeo DJ e son, xestión administrativa, carpintería e moble, navegación e pesca litoral, xoiaría, sistemas microinformáticos e redes, instalacións de telecomunicación o guías no medio natural e tempo libre.

Con estas bolsas a Deputación de Pontevedra pretende proporcionarlles apoio económico para facer fronte aos gastos de aloxamento, manutención, viaxe e transportes locais derivados da realización destas prácticas que buscan facilitarlles a transición ao mercado laboral. Deste xeito, as persoas participantes poden reforzar con estas estadías no estranxeiro as competencias vinculadas ao seu perfil profesional e adquirir experiencia, mellorando así as súas expectativas laborais.

Enlaces de interés