A Deputación inaugura no CEIP A Xunqueira I, en Pontevedra, a exposición “Achegas das mulleres á sustentabilidade do mar”

A mostra, enmarcada nun proxecto conxunto co Campus do Mar da Universidade de Vigo, pon en valor o papel das mulleres no uso responsable dos recursos mariños

03/05/2024

Sandra Bastos na Xunqueira I

A Deputación de Pontevedra inaugurou este venres a exposición “Achegas das mulleres á sustentabilidade do mar” no CEIP A Xunqueira  I, en Pontevedra. Esta iniciativa, promovida pola Deputación de Pontevedra en colaboración coa Universidade de Vigo, busca darlle visibilidade ao papel da muller no ámbito mariño e estará dispoñible no centro ata o próximo 16 de maio. A deputada provincial de Igualdade, Sandra Bastos, asistiu ao acto de inauguración que rematou cun obradoiro impartido por Tamara Amorín (participante na investigación do proxecto) para o alumnado de 6º de Primaria.

Sandra Bastos destacou que con esta mostra “recuperamos a memoria daquelas mulleres que dedicaron a súa vida aos oficios do mar no pasado, pero tamén damos voz a aquelas que os desempeñan na actualidade”. Deste xeito, amósanse nos paneis da exposición, tal e como recordou a deputada, “mulleres das vilas mariñeiras orgullosas do seu papel, que loitaron e que loitan por mellorar as súas condicións de traballo e a explotación de recursos mariñeiros, e tamén mulleres pioneiras na investigación e nas ciencias mariñas”. En definitiva, subliñou Sandra Bastos, “mulleres que representan á perfección que non se entende a economía e a sustentabilidade do mar sen a súa participación activa”.

“Achegas das mulleres á sustentabilidade do mar” afonda no papel destacado, e moitas veces invisibilizado, que as mulleres tiveron ao longo da historia na sustentabilidade do mar e no uso responsable dos recursos mariños. Desta maneira, recóllense oficios das mulleres do mar, desde 1914 ata a actualidade, comezando polos máis antigos, como os de mariscadora ou redeira, ata as investigadoras mariñas, pasando por aquelas que traballaron na salga e na conserva. Para amosar os contidos a exposición está composta por vídeos e fotografías, así como imaxes (moitas delas inéditas) que serven para recuperar nas aulas o saber das mulleres do mar e promover a igualdade e mais a acción positiva entre os futuros profesionais e científicos.

A mostra chega ao CEIP A Xunqueira I despois de pasar por múltiples lugares da provincia como Forcarei, A Guarda, Redondela, Vigo, Cangas, O Rosal, Cambados, Nigrán, Poio, Mondariz ou Pontevedra. Tamén foi exposta no campus de Ourense da Universidade de Vigo.

— 3 Resultados por página
Mostrando el intervalo 1 - 3 de 5 resultados.