A Deputación inaugura na Biblioteca municipal de Dozón a exposición “Achegas das mulleres á sustentabilidade do mar”

A mostra, enmarcada nun proxecto conxunto co Campus do Mar da Universidade de Vigo, pon en valor o papel das mulleres no uso responsable dos recursos mariños

25/06/2024

Sandra Bastos en Dozón

A Deputación de Pontevedra inaugurou este martes a exposición “Achegas das mulleres á sustentabilidade do mar” na Biblioteca municipal de Dozón. Esta iniciativa, promovida pola institución provincial en colaboración coa Universidade de Vigo, busca darlle visibilidade ao papel da muller no ámbito mariño e estará dispoñible na antiga Cámara Agraria da vila ata o próximo 15 de xullo. A deputada provincial de Igualdade, Sandra Bastos, asistiu ao acto de inauguración que rematou cun faladoiro impartido por Tamara Amorín (participante na investigación do proxecto).

Sandra Bastos destacou que con esta mostra “recuperamos a memoria daquelas mulleres que dedicaron a súa vida aos oficios do mar no pasado, pero tamén damos voz a aquelas que os desempeñan na actualidade”. Deste xeito, asegurou “achegámosvos a Dozón un anaquiño do mar” amosando nos paneis da exposición “mulleres das vilas mariñeiras orgullosas do seu papel”. Unhas mulleres, sinalou Bastos, “que loitaron e que loitan por mellorar as súas condicións de traballo e a explotación de recursos mariñeiros, que traballan arreo no mar e coidan da casa e da súa familia”, pero tamén “mulleres pioneiras na investigación e nas ciencias mariñas”. En definitiva, “mulleres que representan á perfección que non se entende a economía e a sustentabilidade do mar sen a súa participación activa”.

“Achegas das mulleres á sustentabilidade do mar” afonda no papel destacado, e moitas veces invisibilizado, que as mulleres tiveron ao longo da historia na sustentabilidade do mar e no uso responsable dos recursos mariños. Desta maneira, recóllense oficios das mulleres do mar, desde 1914 ata a actualidade, comezando polos máis antigos, como os de mariscadora ou redeira, ata as investigadoras mariñas, pasando por aquelas que traballaron na salga e na conserva. Para amosar os contidos a exposición está composta por vídeos e fotografías, así como imaxes (moitas delas inéditas) que serven para recuperar nas aulas o saber das mulleres do mar e promover a igualdade e mais a acción positiva entre os futuros profesionais e científicos.

A mostra chega a Dozón despois de pasar por múltiples lugares da provincia como O Porriño, Forcarei, A Guarda, Redondela, Vigo, Cangas, O Rosal, Cambados, Nigrán, Poio, Mondariz ou Pontevedra. Tamén foi exposta no campus de Ourense da Universidade de Vigo.