Aberto o prazo para inscribirse na primeira das rutas ornitolóxicas da Deputación de 2024

O programa “Voando nas Rías Baixas”, que impulsa a institución provincial da man de SEO/BirdLife, comezará o domingo 14 de xaneiro cunha ruta pola Foz da Ramallosa e pola praia América

03/01/2024

Desde hoxe mesmo e ata o 12 de xaneiro pódese formalizar a inscrición para participar na primeira das rutas ornitolóxicas da Deputación de Pontevedra deste 2024. A primeira proposta do ano do programa “Voando nas Rías Baixas”, que impulsa a institución provincial da man de Seo/BirdLife, terá lugar o domingo 14 de xaneiro cunha ruta pola Foz da Ramallosa e pola praia América, nos concellos de Nigrán e Baiona.

A Foz da Ramallosa é un espazo intermareal protexido pola Rede Natura 2000 e que ten un alto valor ecolóxico, moi cómodo para a observación de aves polo preto que se poden avistar e polo confiadas que se mostran cara ao ser humano. Durante a ruta ornitolóxica, as persoas participantes poderán ver limícolas (mazaricos, biluricos, pilros…) e unha ampla variedade de gaivotas, así como diferentes especies de garzas, aguias pescadoras e aves mariñas, coma os carráns cristados.

As persoas interesadas en participar poderán facelo a través do formulario xa publicado na páxina web da Deputación de Pontevedra. Ofértanse 25 prazas e poderase anotar na actividade a persoa solicitante xunto con tres acompañantes máis. O percorrido, guiado por dúas guías de ornitoloxía de SEO/BirdLife, inclúe un autobús tanto para o desprazamento coma para a visita da zona na que ten lugar a actividade e recoméndase levar roupa cómoda e calzado apropiado. Cada persoa participante terá á súa disposición prismáticos para observar aves e dous telescopios terrestres de alta gama para poder gozar das aves sen molestalas. Ademais, entregaráselle unha guía de aves.

O programa “Voando nas Rías Baixas” contempla en 2024, ademais deste percorrido pola Foz da Ramallosa e praia América do 14 de xaneiro, outras seis rutas ornitolóxicas por diferentes espazos da provincia de alto valor ecolóxico ou protexidos pola Rede Natura 2000. Deste xeito, en febreiro terá lugar un percorrido polo esteiro do río Lérez e a zona intermareal de Combarro-Lourido (Pontevedra e Poio), en abril polas ribeiras do río Umia (Ribadumia e Cambados), en maio pola serra do Suído (A Lama, Fornelos de Montes e Covelo), en xuño pola praia da Lanzada (O Grove), en setembro polas lagoas de Rouxique (Sanxenxo) e en novembro polo esteiro do río Miño (A Guarda).

— 3 Resultados por página
Mostrando el intervalo 1 - 3 de 8 resultados.