A Deputación tínguese de verde para conmemorar o Día Mundial das Enfermidades Raras

A institución súmase á iniciativa promovida pola Federación Galega de Enfermidades Raras e Crónicas coa iluminación do Pazo provincial

28/02/2024

A Deputación de Pontevedra iluminará o Pazo provincial de verde desde a noite do xoves 29 de febreiro ata o venres 1 de marzo con motivo do Día Mundial das Enfermidades Raras. Con este xesto, a institución provincial súmase á petición da Federación Galega de Enfermidades Raras e Crónicas (FEGEREC) para visibilizar estas doenzas.

O Día Mundial das Enfermidades Raras celébrase todos os anos desde 2008. A data, o último día do mes de febreiro, é simbólica, xa que permite asociar a peculiaridade do mes de febreiro á rareza da enfermidade. Este día está dedicado non só a apoiar e a darlles visibilidade ás persoas afectadas, senón tamén a reivindicar o papel das e dos coidadores e do persoal sanitario, que xogan un papel clave para mellorar a súa calidade de vida. Ademais, tamén pretende sensibilizar a poboación sobre a importancia da investigación e do diagnóstico precoz, pois o principal problema ao que se enfronta o colectivo é que, de media, se tarda catro anos en obter o diagnóstico.

Unha enfermidade cualifícase como rara se lles afecta a menos de cinco persoas por cada 10.000 habitantes. Calcúlase que existen máis de 7.000 doenzas raras, das cales 6.172 están identificadas. A nivel mundial, entre o 5 % e o 7 % da poboación padece algunha destas enfermidades, o que, en Galicia, se traduce en 200.000 persoas afectadas.