A Deputación recomenda aplicar o primeiro tratamento contra o mildio nas viñas máis desenvolvidas
A Estación Fitopatolóxica Areeiro informa de que xa detectou esporas no ambiente debido ás temperaturas nocturnas superiores dos últimos días
04/04/2024
A Estación Fitopatolóxica Areeiro, centro dependente da Deputación de Pontevedra, advirte da posibilidade de aplicar o primeiro tratamento contra o mildio, polo menos naquelas viñas que conten cun maior desenvolvemento da vexetación, debido ás condicións climatolóxicas pasadas e actuais, aínda que non aparecera a primeira mancha. Este aviso chega despois de que os captadores que o centro ten instalados nas viñas ao abeiro do proxecto europeo Plasmowine detectasen xa esporas no ambiente, debido ás temperaturas das últimas noites, que foron superiores, favorecendo así o patóxeno.
O persoal de Areeiro recomenda ademais que, para este primeiro tratamento, se empregue un funxicida que protexa tamén os novos crecementos das vides, pois na maioría das viñas as cepas aínda están a agromar, e que non se lave coa choiva, pois agárdanse precipitacións nos próximos días. Ademais, se a viña estivo infectada con black rot na anterior campaña, é aconsellable utilizar un funxicida con efecto fronte a este fungo. Ante a escaseza de masa foliar, o centro dependente da Deputación aconsella facer os tratamentos con pistola e non con atomizador (ou escoller unha sen accionar o ventilador).
Tamén no relativo ás viñas, Areeiro advirte de importancia de estar pendente das follas danadas pola sarabia e polos ventos dos últimos días, pois as feridas poden ser portas de entrada de certos patóxenos, e informa da aparición de caracois nalgúns predios.
Bolboreta do buxo
O persoal de Areeiro informa que xa están activas ou retomando a súa actividade as eirugas da bolboreta do buxo que pasaron o inverno refuxiadas nas sebes. Por este motivo, o centro dependente da Deputación recomenda estar moi alerta nos vindeiros días, xa que nalgunhas plantas non tratadas pódense observar danos moi evidentes.