A Deputación de Pontevedra aconsella tratar as camelias ante os pulgóns e o ácaro da caída do botón floral

A Estación Fitopatolóxica Areeiro recomenda manter a vixilancia ante o mildio nas viñas, así como revisar os buxos por se se precisa tratar fronte á eiruga e retirar e eliminar os froitos dos cítricos que están a murchar nas árbores

19/04/2024

Fotos aviso fitosanitario

A Estación Fitopatolóxica Areeiro da Deputación de Pontevedra aconsella tratar as camelias e outras plantas ornamentais e froiteras ante a aparición do pulgón. Tamén alerta da necesidade de aplicar tratamento fronte ao ácaro da caída do botón floral da camelia, vixiar as viñas para previr o avance do mildio, así como revisar os buxos por se precisan tratamento fronte á eiruga e retirar e eliminar os froitos dos cítricos que están a murchar nas árbores.

No caso das camelias e plantas ornamentais e froiteras, Areeiro detectou a aparición dos pulgóns, que están xa a causar dano estético evidente. A incidencia, de momento, é pequena, pero o centro dependente da Deputación recomenda estar alerta para eliminar as colonias mediante a retirada e destrución de gromos afectados e aplicar tratamento insecticida nos brotes máis exteriores das plantas.  Ademais, no caso exclusivo das camelias, Areeiro recomenda aplicar tratamento fronte ao ácaro da caída do botón floral.

Ante a incerteza das previsións do tempo consultadas, o centro dependente da Deputación recomenda manter a vixilancia ante o avance do mildio nas viñas; en especial, se as temperaturas nocturnas son suaves e se as viñas aínda non recibiron tratamento fitosanitario. Ademais, o vento destes días provocou a rotura dalgúns gromos nas viñas polo que, de ser preciso tratar as afectadas fronte ao mildio, cómpre usar funxicidas que leven folpet, para mellorar a súa cicatrización.

No que respecta ao buxo, Areeiro observou menos síntomas de actividade das eirugas ben polos tratamentos realizados ou porque están en fase de crisálide. Non obstante, o centro dependente da Deputación recomenda manter a vixilancia por se é preciso tratar.

En canto aos cítricos, a climatoloxía húmida provocou que moitos froitos estean a murchar na árbore. Deste xeito, á marxe de aplicar un tratamento, Areeiro recomenda retirar e eliminar os froitos afectados para reducir a incidencia da enfermidade.

Galerias de imaxes