A Deputación aconsella extremar a vixilancia das viñas ante o mildio e o black rot debido ao aumento previsto das temperaturas
Areeiro recomenda tratar tamén ante o mildio as patacas e plantas de horta xa que as choivas estes días e a subida de temperaturas previstas favorecen a aparición do patóxeno
02/05/2024
A Deputación de Pontevedra aconsella a través do boletín fitosanitario de Areeiro desta semana extremar a vixilancia das viñas ante o mildio e o black rot debido ao aumento previsto das temperaturas. Tamén recomenda tratar ante o mildio as patacas e plantas de horta xa que despois das chuvias e coa subida de temperaturas producirase unha evaporación da auga do solo que favorecerá a aparición deste patóxeno nas plantas próximas ao terreo.
Nestes días, Areeiro ten detectado diferentes situacións con respecto ao avance do mildio. Nalgunhas viñas, xa tratadas con unha ou dúas aplicacións, observouse ausencia total de síntomas; noutras había algunha que outra mancha nova; noutras detectáronse máis manchas e non perfectamente curadas e, nas abandonadas, manchas novas. Deste xeito, e ante a previsión de aumento de temperaturas para os próximos días que favorecerá o desenvolvemento do patóxeno, Areeiro advirte da necesidade de extremar a vixilancia e, naqueles predios nos que haxa maior incidencia de síntomas, renovar o tratamento o antes posible. Ademais, debido aos danos nas follas ou nos gromos pola sarabia, o centro dependente da Deputación recomenda elixir algún funxicida que leve folpet para favorecer a cicatrización das lesións e limitar a instalación de botrite.
A humidade elevada e as temperaturas altas favorecen a aparición de black rot nas viñas polo que Areeiro aconsella estar moi pendentes e, naqueles predios con historial de danos por este patóxeno, utilizar funxicidas rexistrados para controlalo ou facer intervencións antimildio ou tratamentos antioidio. Por outra banda, o centro dependente da Deputación de Pontevedra tamén recolleu esta semana os primeiros insectos de Lobesia botrana e mosquito verde.