A Deputación de Pontevedra pon en marcha a nova plataforma en liña Move para promover a economía de proximidade en 19 concellos da provincia

O obxectivo desta iniciativa, pioneira na provincia de Pontevedra e enmarcada nos proxectos “Da túa man” (rural I e rural II), é crear unha rede de comercio local na que comerciantes e hostaleiros estreiten lazos con produtores e provedores locais

10/04/2024

A Deputación de Pontevedra acaba de publicar as bases para que comerciantes, hostaleiros e produtores e provedores locais de 19 concellos da provincia se adhiran á nova Rede de Comercio Local Move, que se pon en marcha no marco dos proxectos “Da túa man” (rural I e rural II), que forman parte das convocatorias 2022 e 2023 da liña de axudas para o apoio da actividade comercial en zonas rurais do Plan de recuperación. O obxectivo desta iniciativa pioneira na provincia de Pontevedra é crear unha plataforma na que todos os axentes do comercio local estreiten vínculos con produtores e provedores e poidan tamén darse a coñecer, compartir e establecer relacións comerciais e novas oportunidades de negocio.

Con Move, por un lado, favorecerase a visibilización dos produtos locais, especialmente no rural, así como os comercios e establecementos hostaleiros locais. E, por outro lado, contribuirase a estreitar relacións comerciais e realizar actuacións para a mellora da rendibilidade e produtividade dos negocios engadindo valor e fortalecendo a cadea de valor, así como axudando na xeración de ideas innovadoras e de establecemento e oportunidades de negocio.

A Rede de Comercio Local Move contará cunha parte pública (en move.gal) na que a cidadanía poderá acceder a contidos xerados polos comercios, hostaleiros e provedores locais, así como a outra información relacionada co fomento de estratexias de economía circular de interese, coma bases e convocatorias de subvencións. Ademais, terá unha parte privada na que os membros da rede poderán compartir información dos produtos locais e establecer relacións comerciais; compartir coñecemento e boas prácticas; acceder aos titoriais; darlles a coñecer os negocios e os produtos locais a través de videoexperiencias; ou, entre outras iniciativas, dispoñer de información e accións de formación e sensibilización.

A rede Move está dirixida aos comercios locais, establecementos hostaleiros dos concellos adheridos aos proxectos “Da túa man” rural I (Arbo, Campo Lameiro, Cuntis, Forcarei, Meis, Mondariz, As Neves, Rodeiro e Pontecesures) e rural II (A Guarda, A Illa de Arousa, Catoira, Covelo, Crecente, Moraña, Oia, Pazos de Borbén, Portas e Vilaboa) e aos produtores e provedores locais da provincia, que poderán presentar as súas solicitudes de adhesión a través da Sede electrónica de Deputación. Nas bases, que se poden consultar no BOPPO, establécense as condicións que deben cumprir os establecementos e produtores para unirse á Move.