A Deputación de Pontevedra lanza Conversas con Arte, un ciclo de conferencias que arranca este martes con José María Barreiro

A conferencia do artista terá lugar este martes 9 de abril, ás 19:00 h, no salón de plenos do Pazo provincial da Deputación en Pontevedra coa presenza do vicepresidente Rafa Domínguez

07/04/2024

Cartel de conversas con arte

A Deputación de Pontevedra lanza Conversas con Arte, un ciclo de conferencias que arranca este martes, 9 de abril, ás 19:00 horas, co pintor natural de Forcarei José María Barreiro. A conferencia do artista terá lugar no salón de plenos do Pazo provincial e contará coa apertura institucional do vicepresidente da Deputación, Rafa Domínguez, e coa introdución á obra de Barreiro por parte de Antón Castro.

Conversas con Arte trátase dunha aposta persoal de Domínguez, quen, a través do Museo de Pontevedra, quere difundir as diferentes manifestacións artísticas que xurdiron e xorden na provincia, así como as grandes personalidades vencelladas a diferentes movementos nadas ou relacionadas con Pontevedra. Deste xeito, o ciclo, que arranca da man de José María Barreiro, continuará nos vindeiros meses con outras figuras e artistas de impacto internacional vinculados coa provincia.

José María Barreiro naceu en Forcarei, en 1940. En 1963 trasládase a París onde coñece e estuda a obra de Picasso, Duffy e Matisse. De regreso a Vigo, intégrase no ambiente intelectual da cidade e comparte estudio e casa, durante catro anos, con Urbano Lugrís, con quen desenvolve unha serie de proxectos murais. En 1969 trasládase a Bos Aires convidado por Laxeiro, onde coñece a Luis Seoane e os pintores Rómulo Macció, Castagnino, López Claro e Betinelli. A partir de 1974 a súa actividade profesional vai en aumento e consolida unha linguaxe identificable e persoal. Ten exposto en cidades galegas coma Pontevedra, Vigo, A Coruña e Santiago, pero tamén en diferentes puntos da xeografía estatal coma Madrid, Barcelona, Marbella, Puerto Banús ou Valladolid, e do estranxeiro: Bos Aires (Arxentina), Niteroi (Brasil), Coímbra (Portugal) ou Chicago (Estados Unidos de América).