A Deputación pon en marcha en Baiona e Barro as primeiras visitas do novo Servizo de Vixilancia, Inspección e Control da Xestión de Residuos
O persoal técnico provincial xa está a visitar os establecementos comerciais de ambos os concellos co obxectivo de que sexan parte activa na xestión responsable dos bidorresiduos e axudarlles no cumprimento da nova lexislación en materia de residuos
15/04/2024
A Deputación de Pontevedra deu comezo ás visitas do Servizo de Vixilancia, Inspección e Control de Xestión de Residuos (SEVIC), ao que ata o de agora se adheriron quince concellos da provincia (A Cañiza, A Guarda, As Neves, Baiona, Barro, Bueu, Cangas, Gondomar, Meis, Moaña, Mondariz-Balneario, O Rosal, Salceda de Caselas, Silleda e Tomiño) e que lles axudará aos gobernos municipais no cumprimento da nova lexislación nesta materia.
En concreto, comezaron xa as visitas aos comercios de Baiona e Barro co fin de que sexan parte activa na xestión responsable dos biorresiduos e contribuír así a preservar o medio e a fomentar espazos máis limpos e saudables para todas e todos os seus habitantes. A través destas visitas, que se desenvolverán ao longo das vindeiras semanas nos concellos adheridos ao servizo, estáselles a proporcionar aos establecementos comerciais orientación sobre as mellores prácticas para a separación e o manexo adecuados dos residuos, e a entregarlles materiais educativos. Ademais, tamén se pretende aproveitar as visitas para recadar información coa finalidade de avaliar o cumprimento da normativa aplicable, concretamente, na correcta separación dos residuos nas diferentes fraccións e garantir a súa recollida separada.
Ao abeiro do SEVIC, as e os produtores de residuos estarán suxeitos a inspeccións periódicas, as cales as levarán a cabo as e os funcionarios habilitados pola Deputación, que terán a consideración de axentes da autoridade. Deste xeito, os feitos constatados por este persoal formalizaranse nunha acta e gozarán da presunción de certeza a efectos probatorios.
Nova web de residuos
A Deputación de Pontevedra está a desempeñar un papel fundamental na promoción de prácticas sostibles co fin de reducir o seu impacto ambiental. Nesa liña, a institución acaba de poñer en marcha unha nova web de residuos no portal provincial (https://residuos.depo.gal). Nela pode atoparse información sobre os diferentes programas que desenvolve nesta materia, coma o propio SEVIC, a compostaxe local, os programas de formación, o servizo de retirada de vehículos abandonados ou o programa educativo Ponte a Zero. Ademais, na nova web poden consultarse diferentes normativas neste ámbito, así como guías e manuais que ofrecen instrucións paso a paso, consellos e estratexias para que concellos, empresas e cidadanía xestionen os residuos de maneira eficaz e respectuosa co medio.