A Deputación activa o pago con Bizum e con tarxeta nas oficinas do ORAL para simplificar á cidadanía a xestión dos tributos locais

O deputado de Xestión Tributaria, Alejandro Lorenzo, anunciou na Xornada “A Administración cada vez máis cerca” a posta en marcha destas dúas novas ferramentas

13/06/2024

Alejandro Lorenzo na Xornada “A Administración cada vez máis cerca

O servizo do ORAL da Deputación Pontevedra, na súa busca para simplificar os trámites administrativos e ofrecer novas e máis doadas formas de pagamento dos tributos municipais xestionados por conta dos concellos que os teñen delegados, acaba de poñer en marcha dúas novas ferramentas coas que pretende simplificar o pagamento dos tributos locais. Así o anunciou o deputado provincial de Xestión Tributaria, Alejandro Lorenzo, durante a inauguración da Xornada “A Administración cada vez máis cerca”, que a institución provincial celebrou hoxe no Pazo provincial xunto coa Xerencia Territorial do Catastro de Pontevedra con motivo da “Semana da Administración Aberta”.

Así, Lorenzo anunciou que o ORAL activou Bizum como nova forma para realizar o pagamento dos tributos non domiciliados a través da Oficina Virtual Tributaria e, nas oficinas de atención presencial, a opción de realizar o pago dos impostos e taxas municipais con tarxeta de crédito ou débito, sendo asistido en todo momento polas persoas funcionarias. “Queremos tender pontes para sumar sinerxías, innovar e impulsar medidas e iniciativas que contribúan a construír unha provincia mellor e máis avanzada – asegurou Lorenzo- E sabemos que para conseguilo, para evolucionar, temos que incorporar á Administración todas aquelas ferramentas que melloren as nosas relacións, para que sexan máis sinxelas e áxiles, ben sexa con outras institucións, ben sexa cos concellos ou ben sexa coa cidadanía”.

Estas novas ferramentas permiten “ampliar os lugares onde aboar os tributos municipais dos concellos e entes que os teñen delegados na Deputación”, pudendo ser pagados en todas as sucursais das entidades bancarias colaboradoras ou nas súas bancas electrónicas, en calquera oficina de Correos, na Oficina Virtual Tributaria con tarxeta ou, agora tamén, Bizum e o pago presencial con tarxeta de crédito ou débito. Na xornada, celebrada esta mañá no Salón de Plenos do Pazo provincial, tamén se presentaron outras solucións que se están a impulsar desde o ORAL, como as novas funcionalidades a través da Oficina Virtual Tributaria ou a relevancia da xestión catastral na xestión e recadación de tributos.

Ademais, Micaela Martínez, xerente territorial do Catastro en Pontevedra, e Jesús Castillo, xerente territorial adxunto, presentaron as novas solucións virtuais do Catastro, como o CAPIDIC, un novo servizo para que a veciñanza poida ser atendida por persoal da Xerencia Territorial do Catastro vía vídeo chamada; o CatasTRO.app, unha aplicación móbil para facilitar as xestións das persoas cidadáns co Catastro, ou CATIA, o novo asistente virtual á cidadanía na Sede Electrónica do Catastro, entre outras.

Galerias de imagenes

videos