A Deputación xestionará 3,8 millóns de euros no primeiro prazo para o pago voluntario de taxas municipais de 30 concellos da provincia

Os impostos poderán aboarse ata o vindeiro 5 de abril. Ademais, tamén está aberto o prazo para pagar máis de 13.000 liquidacións do IBI derivado de procedementos de valoración colectiva en Baiona, Caldas de Reis, O Porriño e Ponteareas

15/02/2024

A Deputación de Pontevedra acaba de poñer en marcha a campaña de recadación de taxas municipais e prezos públicos do primeiro trimestre de 2024, cuxo pago poderá realizarse de maneira voluntaria ata o vindeiro 5 de abril, este incluído. En concreto, son os recibos de 30 concellos que teñen delegada a xestión tributaria e recadación no ORAL da Deputación: A Cañiza, A Estrada, Agolada, Arbo, As Neves, Barro, Caldas de Reis, Cambados, Catoira, Cerdedo-Cotobade, Crecente, Cuntis, Dozón, Lalín, Meis, Moaña, Mondariz, O Porriño, O Rosal, Pazos de Borbén, Portas, Poio, Ponteareas, Rodeiro, Sanxenxo, Silleda, Soutomaior, Tui, Valga e Vilanova de Arousa.

Desta maneira, durante este período poderán aboarse impostos de postos de prazas de abastos, de entradas de vehículos, de recollida do lixo, de auga ou dos caleiros, entre outros. En total, a Deputación xestionará a recadación neste primeiro período de algo máis de 3,8 millóns de euros de impostos de concellos da provincia, que corresponden a un total de 117.645 recibos.  

Por outra banda, o pasado 2 de febreiro abriuse o prazo para o pago do imposto sobre bens inmobles (IBI) derivado de procedementos simplificados de valoración colectiva que a Xerencia Territorial do Catastro de Pontevedra realizou nos concellos de Baiona, Caldas de Reis, O Porriño e Ponteareas. Neste caso, o ORAL xestiona 13.007 liquidacións por un importe total de 604.294 euros, que poderán aboarase ata o 4 de abril.

En ambos os dous casos, o abono pode realizarse a través dos diferentes medios de pago habilitados pola institución provincial. Así, as e os contribuíntes poderán facer o ingreso a través da Oficina Virtual Tributaria (OVT) da Deputación de Pontevedra-ORAL (www.ovt.depo.gal), a través da aplicación móbil de pagamentos da Deputación (dispoñible para iOS e Android) e mediante as canles das entidades bancarias colaboradoras. No caso das taxas municipais, a data de cargo dos recibos domiciliados será o 1 de marzo. Malia que xa non é necesaria cita previa para acudir ao ORAL, as persoas que busquen planificar a súa asistencia nas oficinas e evitar esperas innecesarias poden solicitala a través da web, da OVT, da Sede Electrónica ou nos teléfonos 886 211 420 ou 886 211 400.