A Deputación acolle no Museo de Pontevedra o seminario ‘Museos, feminismos, canon’, no que se reflexionará sobre os códigos éticos e estéticos arredor da imaxe da muller
A terceira edición do seminario desenvolverase o venres 28 de febreiro de 10:00 h a 14:00 h, con conferencias de Iria Souto Castro e Waleed Saleh Alkhalifa e visitas a cargo de Helena Rodríguez Villar e Germán Labrador
17/02/2025
A Deputación celebra no Museo de Pontevedra o próximo venres 28 a terceira edición do seminario ‘Mulleres, feminismos, canon’. Co tema ‘Códigos éticos e estéticos ao redor da imaxe da muller. Xuízos de valor e controversias sociais e culturais’, terán lugar dúas conferencias e dúas visitas comentadas á colección para revisar os estereotipos de xénero na arte e as lecturas sobre o rol da muller na historia e no presente. A actividade, que se enmarca na conmemoración do 8 de marzo, Día Internacional da Muller, terá lugar o 28 de febreiro, de 10:00 a 14:00 h no Edificio Castelao.
O seminario encádrase nas liñas de investigación do Museo sobre a perspectiva de xénero e a necesidade de pensar novas narrativas nos museos do século XXI. Está organizado en colaboración coa área de Antropoloxía Social e Cultural da Universidade de Vigo e nesta edición aborda unha reflexión ao redor dos códigos visuais na muller, como construcións culturais e sociais. Analizaranse tanto os canons estéticos coma os códigos éticos, ás veces normativizados no ámbito xurídico e reflectidos na propia lexislación.
A exiptóloga e profesora do Departamento de Historia, Arte e Xeografía da Universidade de Vigo, Iria Souto Castro, tratará estes códigos nunha conferencia sobre a visión das mulleres na arte exipcia presentes nos museos, unha proposta que pretende sintetizar o que sabemos sobre as mulleres na historia antiga de Exipto a través da evidencia textual, arqueolóxica e iconográfica. E Waleed Saleh Alkhalifa, profesor honorario da Universidade Autónoma de Madrid, abordará a cuestión da “Imaxe da muller árabe e musulmá na sociedade e a cultura”, analizando como esa visión foi cambiando en Occidente a través da historia da arte e como é na actualidade, moitas veces parcial e nesgada, que ignora a propia realidade social, cultural e xurídica.
Establecerase ademais un diálogo coa colección do Museo de Pontevedra en dúas visitas comentadas. Helena Rodríguez Villar, membro do Departamento de Educación do Museo de Pontevedra e investigadora, conducirá a visita “A represión feminina na Guerra Civil a través da mirada de Castelao”. Pola súa parte, Germán Labrador, investigador distinguido do Consello Superior de Investigacións Científicas, proporá en “A imaxinación colonial no Museo de Pontevedra: unha viaxe crítica” un percorrido pola colección do Museo a partir das nocións de extracción, capital e violencia.
O acceso ao seminario é libre. Entregaráselles un certificado de asistencia ás persoas que se inscriban previamente en reservas.museo@depo.gal.