O Museo de Pontevedra acolle a estrea do documental ‘Consello de Galiza’

Será o martes 18 de febreiro ás 18:30 h, cun coloquio posterior sobre “Alfonso Castelao, onte, hoxe e mañá”

13/02/2025

documental Consello de Galiza

O Museo de Pontevedra acolle o próximo martes 18 de febreiro, ás 18:30 h, a estrea do documental ‘Consello de Galiza, o goberno galego no exilio’, seguido dun coloquio arredor da figura de Castelao. O filme será presentado polo seu director, Xan Leira, polo secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García e polo vicepresidente da Deputación, Rafa Domínguez.

O Consello de Galiza foi creado na cidade de Montevideo o 15 de novembro de 1944 e constituído, de facto, o 8 de decembro na cidade de Bos Aires, no fogar de Manuel Puente, empresario galeguista e mecenas de Castelao, coa participación do propio Alfonso Castelao e de Ramón Suárez Picallo, Antón Alonso Ríos e Elpidio Villaverde.

No documental, de 45 minutos de duración, interveñen históricos galeguistas coma Lois Tobío, Mariví Villaverde, Rosa Puente, Xaime Isla Couto, Francisco Fernández del Riego, Santiago Carrillo, Elixio Rodríguez e Manuel Martínez Lamela. Tamén participan diversas personalidades da vida política e cultural galega e estatal: Miguel Ángel Santalices, presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Anxo Seixas Seoane, presidente da Fundación Castelao; Francisco López “Chesqui”, secretario xeral do Partido Galeguista; Iñaki Anasagasti, xornalista e dirixente do PNV; Xoán Antón Pérez Lema, avogado; Alfredo Erias, historiador; e Xesús Manuel Suárez, presidente do Partido Galeguista.

Coloquio posterior

Tras a proxección desenvolverase o coloquio “Alfonso Castelao, onte, hoxe e mañá”, moderado polo xornalista Guillermo Campos e coa participación de Francisco López "Chesqui", Xoán Antón Pérez Lema e a arquitecta Teresa Táboas.

Enlaces de interés