O pleno da Deputación aproba unha modificación de crédito de 9,4 millóns de euros para comprar o Cine Fraga e mellorar a mobilidade urbana en Vigo e Pontevedra

A sesión plenaria ordinaria do mes de xullo serviu tamén para prorrogar o servizo de conservación de estradas, reaxustar o financiamento do novo contrato e aprobar a segunda addenda do convenio co Concello de Vigo para incluír novas actuacións

26/07/2024

9,4 millóns de euros para comprar o Cine Fraga

A Deputación de Pontevedra aprobou este venres, na sesión plenaria ordinaria correspondente ao mes de xullo, unha modificación de crédito por un valor total de 9,4 millóns de euros que servirán para financiar a adquisición do Cine Fraga de Vigo, operación na que o organismo provincial achega 4,6 millóns de euros; así como 4,2 millóns de euros para executar tres obras de mellora da mobilidade en Vigo e medio millón de euros para o proxecto da rúa 12 de Novembro de Pontevedra. Así mesmo, o pleno serviu tamén para aprobar a prórroga do contrato do servizo de conservación da rede viaria provincial e do reaxuste de financiamento do procedemento aberto para a contratación deste servizo para os vindeiros cinco anos. Do mesmo xeito, deuse luz verde á segunda addenda para a adecuación financeira do convenio entre a Deputación e o Concello de Vigo, que permitirá levar a cabo as actuacións recollidas na modificación de crédito.

O principal punto da orde do día foi esta modificación de crédito, a terceira deste ano 2024, que saíu adiante cos votos favorables dos deputados do Grupo Popular, a abstención do PSOE e a negativa do BNG. Un expediente motivado pola necesidade de realizar gastos que non poden demorarse ata o ano seguinte e que carecen de consignación suficiente no orzamento actual. O documento inclúe créditos extraordinarios por valor de 4,7 millóns de euros e suplementos de créditos de 4,7 millóns de euros. Un total de 9,4 millóns que se destinarán a adquisición do Cine Fraga de Vigo (4,6 M€), a execución en Vigo da instalación de ramplas mecánicas na rúa Pintor Colmeiro, a humanización da rúa San Roque, e o proxecto de mellora da mobilidade urbana en Marqués de Valterra (4,2M€); os convenios co Concello de Pontevedra para a rehabilitación da rúa 12 de Novembro (0.5M€), con Mondariz-Balneario para a reconstrución dun muro de contención no río Xabriña (69.500€), con Salceda de Caselas para realizar actuacións en Cerquido (28.800€), con Tui para un paso sobre o regato Coterei (19.200€) e con Oia para a consolidación dun muro de contención no camiño Oia-Cabreiriza (17.100€). Ademais, destinaranse 21.000 euros para actividades culturais e 7.000 euros para turismo.

Os convenios cos concellos, agás os de Pontevedra e Vigo que se cobren con sobrantes ou baixas correspondentes a actuacións de convenios de exercicios anteriores, fináncianse con baixas por anulación con cargo ao programa de "danos por inundacións".

Relacionada co dito expediente de modificación de créditos, que foi aprobada por unanimidade, está a segunda addenda para a adecuación financeira do convenio de colaboración entre o Concello de Vigo e a Deputación para a execución dun plan da mellora urbana sustible. Un acordo que consiste na inclusión de tres novos proxectos que supoñen un investimento total de 6,24 millóns de euros, dos que o ente provincial achega 4,2 millóns. As actuacións de mellora da mobilidade urbana incluídas son a de Juan Ramón Jiménez, fase Romil e Hispanidade, cunha aportación de 1,54 millóns por parte da Deputación; a de Jacinto Benavente e Torrecedeira fase de Marqués de Valterra, cunha achega provincial de 820.000 euros; e a humanización de San Roque fase Gregorio Espino-Ruiseñor, na que o ente provincial financia 884.000€.

O número de actuacións obxecto do convenio asinado entre as dúas administracións en maio do 2021, que era de nove actuacións e implicaba un investimento total de 15,8 millóns de euros ao longo das anualidades do 2021, 2022 e 2023, pero pola imposibilidade de completar os proxectos no prazo establecido acordouse reducilo a cinco e aproveitar os fondos para executar estes tres novos convenios. Os proxectos que se manteñen do convenio orixinal son: a fase 4 da humanización Martínez Garrido, a recuperación do sistema dunar da praia de Samil, a humanización da Avenida Castelao, a mellora de firmes en vías municipais e a cubrición do patio do colexio Javier Sensat.

Por outro lado, aprobouse a prórroga do contrato "Servizo de conservación ordinaria da rede viaria da Deputación de Pontevedra" dende o 6 de agosto ata o 31 de outubro do 2024 ou, se sucedese antes, ata que o novo contrato poida iniciar a súa execución. Unha prórroga que implica o investimento de 673.845 euros. Así mesmo, houbo acordo tamén para reaxustar o financiamento dos importes do novo contrato que está previsto que entre en vigor o 1 de novembro do 2024 e non en setembro como se aprobara inicialmente. Con esta modificación, mantense o investimento de 38,9 millóns de euros ao longo dos cinco anos de vixencia que terá o novo contrato coa única variación do gasto de 1,6 millóns de euros na primeira anualidade do 2024 e de 8 millóns na de 2028, en lugar dos 3,2 e 6,5 millóns aprobados inicialmente para estas dúas anualidades.

A sesión plenaria serviu tamén para aprobar por unanimidade a delegación de facultades do Concello da Guarda na Deputación en materia de xestión, inspección, liquidación e recadación de diversos ingresos; a desestimación das reclamacións á modificación do cadro de persoal do Consorcio Provincial Contra Incendios e a aprobación definitiva do mesmo; e a ampliación ata o 31 de outubro do 2025 do prazo para a execución do Plan de Sustentabilidade Turística en Destino do "Deza, Tabeirós Terra de Montes, os Camiños por dentro". Por outro lado, foron rexeitadas as dúas mocións presentadas polo Grupo Socialista para solicitar a acollida de menores inmigrantes e o mantemento e bonificación do canon dos concellos adscritos a Sogama, así como a do BNG relacionada Cine Fraga e o seu uso como espazo cultural público.