A Deputación de Pontevedra asina a addenda que permite investir 6,2 millóns de euros para obras de mobilidade urbana sostible en Vigo

Trátase de fondos que estaban a piques de caducar, correspondentes a proxectos que o Goberno local non foi capaz de executar, e que agora veñen de ser rescatados pola institución provincial

04/09/2024

A Deputación de Pontevedra vén de asinar a addenda que salva a perda de 6,2 millóns de euros de investimentos en Vigo. Trátase de partidas que estaban a piques de caducar, correspondentes a proxectos que o Goberno local non foi capaz de executar no prazo do convenio en vigor, e que se destinarán agora a proxectos de mobilidade urbana sostible.

Materialízase así o compromiso da vicepresidenta Luisa Sánchez quen, en xullo deste mesmo ano, anunciaba que ía traballar para solucionar esta situación e evitar a perda destes recursos, dos que preto do 70% son fondos provinciais. Unha mostra evidente de que Vigo é para a Deputación de Pontevedra unha prioridade e un eixo central sobre o que pivotan as súas políticas públicas, con máis de 30 millóns de euros comprometidos a día de hoxe en investimentos na cidade.

Cómpre recordar que a orixe do rescate destes 6,2 millóns de euros radica na baixa execución orzamentaria do Concello vigués no convenio vixente ata finais de 2024, a pesar da súa modificación polo anterior goberno provincial en xuño de 2023 atopándose en funcións. Coa sinatura desta nova addenda, a institución provincial articula unha medida que salva investimentos para a cidade que doutro xeito se perderían. Proxectos que nalgún caso nin sequera se chegaron a iniciar pese a remontarse ao ano 2021.

Resolto o escollo, o financiamento da Deputación de Pontevedra, que asume preto dun 70% do custe, servirá para impulsar conxuntamente co Concello vigués actuacións de mobilidade na cidade como as ramplas mecánicas na rúa do Pintor Colmeiro entre as rúas de Álvaro Cunqueiro e Tarragona (2,82M€) e a mellora da accesibilidade na rúa Juan Ramón Jimenez, entre Marques de Valterra e Torrecedeira (1,14M€), ademais da humanización da rúa San Roque entre as rúas de Gregorio Espino e Reiseñor (2,27M€).  

Estas actuacións súmanse aos proxectos xa comprometidos para a cidade de Vigo, entre os que se atopan os 13 millóns de euros da grada de Gol de Balaídos ou os 4,6 millóns de euros destinados á compra do Cine Fraga. En suma, o investimento máis alto da historia da Deputación na cidade de Vigo.