A Deputación aproba o acordo coa Xunta para comprar a Abanca o Cine Fraga, “un paso máis para recuperar para a cidadanía un emblema cultural de Vigo”

O organismo provincial avanza na tramitación dun acordo asinado co goberno autonómico polo que a Deputación achegará o 49 % dos 9,3 millóns que vale o edificio

09/07/2024

A Deputación de Pontevedra avanza no seu compromiso de recuperar para a cidade de Vigo o Cine Fraga coa aprobación do acordo coa Xunta para a comprar a Abanca este histórico inmoble. Despois do encontro entre os presidentes Alfonso Rueda e Luis López no que anunciaron a adquisición deste edificio para destinalo a usos culturais a través dun convenio polo que o ente provincial achegará o 49 % dun investimento total que ascende a 9,3 millóns de euros. “É un paso máis para recuperar para a cidadanía un emblema cultural de Vigo”, afirmou o dirixente provincial.

Despois de que o Consello da Xunta dera luz verde este luns ao acordo, este martes foi o organismo provincial o que aprobou o trato. Trátase dun trámite administrativo necesario para facer realidade a transacción e seguir dando pasos cara adiante ata conseguir a reapertura do inmoble, que se convertirá nun centro cultural de referencia para a cidade, a provincia e o conxunto de Galicia.

Unha vez completada a adquisición, avaliarase o estado e as necesidades de actuación co obxecto elaborar un proxecto que permita completar a restauración e reabrir este espazo de enorme simbolismo para Vigo. Do mesmo xeito, traballarase cos axentes culturais para elaborar un plan de usos que faga do Cine Fraga a referencia cultural que sempre foi.