Luis López remarca o millón de euros do Plan +Provincia que a Deputación acaba de probar para impulsar novos investimentos en sete concellos
Estes novos recursos beneficiarán a Gondomar, O Porriño, Tui, Forcarei, Fornelos de Montes, Mos e Cambados
21/06/2024
A Deputación de Pontevedra acaba de aprobar en Xunta de Goberno destinar un millón de euros para que sete concellos da provincia impulsen novos investimentos ao abeiro da liña 1 do Plan +Provincia. En concreto, benefícianse destes recursos Gondomar, O Porriño, Tui, Forcarei, Fornelos de Montes, Mos e Cambados. Estes concellos, segundo explicou o presidente provincial, Luis López, destinarán estes recursos a "mellorar cunetas, á pavimentación ou, entre outras iniciativas, á mellora da seguridade viaria". E con estas novas achegas, o goberno provincial "xa aprobou 36 millóns de euros dos 48,2 dos que está dotado este programa para transformar a vida das veciñas e veciños dos concellos da provincia de menos de 50.000 habitantes, co que seguimos tendendo pontes".
En concreto, esta semana hai dous concellos que reciben máis dunha achega. É o caso de Mos, para o que se aproban 240.000 euros que se dividen en 112.736 € para a rede de saneamento no camiño do Carballo, parroquia de Cela, e 127.315 € para o proxecto de muros de contención do camiño da Millara (Gándara-Tameiga) e do camiño da Muralla, a Furna (Casalmorto-Pereiras). Ademais, Cambados disporá de 270.000 euros que destinará a tres proxectos: 65.395 € para a reparación, adecuación e mellora das gradas do campo municipal de Burgáns; 102.862 € para a ampliación da rede de saneamento en Couto de Abaixo-Castrelo e 102.952 € para a renovación da carpintería exterior e tarima interior no Pazo de Torrado.
A Xunta de Goberno da Deputación tamén aprobou 61.896 € para a mellora da seguridade viaria na parroquia de Borreiros, Gondomar; 65.075 € para a mellora de cinco parques infantís e un área biosaudable no Porriño; 89.279 € para a reparación e mellora dun camiño municipal no lugar de Bornetas, en Tui; 108.238 € para a mellora de cunetas en vías Dúas Igrexas – Quintelas, en Forcarei, e 130.119 € para que Fornelos de Montes pavimente camiños municipais en Fornelos, Traspielas e Calvos.