A Deputación lembra que a susceptibilidade da viña fronte á botrite aumenta no inicio do pintado da uva

O persoal da Estación Fitopatolóxica de Areeiro tamén sinala que se se manteñen as previsións meteorolóxicas non será preciso tratar contra o mildio nin o oídio

02/08/2024

aviso fitosanitario control flavescencia

Co tempo solleiro e moi cálido destes días, o persoal da Estación Fitopatolóxica de Areeiro, centro investigador da Deputación de Pontevedra, sinala que o estado dominante da vide está xa no inicio do pintado ou mesmo no pintado. Ao entrar a uva na fase de maduración, malia que queden predios máis atrasados, diminúe o risco de danos por algúns patóxenos (mildio e oídio) e incrementa por doutros (botrite), así como certas pragas, polo que deben seguir a realizarse os labores agronómicos e non se pode descartar a necesidade de novos tratamentos na campaña. Malia iso, lémbrase que algunhas grandes bodegas xa estableceron a data límite de intervención para este domingo 4 de agosto.

Malia que a meteoroloxía desta última semana (confluencia de humidade e temperaturas altas) era moi favorable ao desenvolvemento do mildio, a uva xa non é tan sensible ou ten sensibilidade mínima, pero si o é a parte vexetativa das vides. Seguen aparecendo síntomas, en especial nos gromos das partes máis altas das parras excesivamente frondosas e a onde non chegan os tratamentos (provocando que algunhas plantas debilitadas perdan folla). Coas condicións previstas para os vindeiros días, non será preciso tratar e só se aconsellan labores agronómicos para reducir o exceso de frondosidade, esfollas moderadas (nunca cara ao sur ou cara ao leste) e manter a vexetación do solo. Tamén se pode optar por non tratar se houbo mildio pero estivo controlado e as cepas están fortes. Ou, se a uva está maioritariamente branda, aplicar un tratamento cúprico. Tamén pode aplicarse se ademais de branda hai defoliación e se as plantas están débiles.

En canto ao oídio, mantense a presenza de síntomas nas plantas testemuña en folla pero non en acio, nin sequera nos rebuscos. Como a partir do pintado o fungo xa non pode afectar ao acio, non será necesario aplicar tratamento fronte a esta enfermidade. No caso da botrite, a partir do pintado aumenta a susceptibilidade, e nesta campaña cómpre prestar atención aos predios con acios afectados de mildio. Malia iso, as previsións destes días non indican condicións especialmente favorables a este fungo.

En canto aos cicadelidos, as capturas de Empoasca vitis seguen a ser moi reducidas, así coma os recontos de ninfas nas follas, pero si seguen a capturarse adultos de Scaphoideus titanus, o vector da flavescencia dourada, nos predios incluídos na zona demarcada pola Xunta. Areeiro recomenda aplicar un insecticida porque é preciso reducir no posible a súa propagación, e outras medidas de contención como a eliminación das plantas abandonadas.

No caso da maceira, concretamente da avelaíña da mazá, Areeiro non recolleu ningún adulto nas súas trampas pero lembra que xa se poden instalar as bandas-trampa para capturar as eirugas que se retiran a invernar. En canto á nogueira, recolléronse varios exemplares de adulto da mosca da casca verde da noz (Rhagoletis completa) e non se atoparon larvas de momento nas noces, pero cómpre manter a vixilancia e eliminar os froitos que caian ao solo. Por último, a situación detectada en canto á bolboreta do buxo foi variable, con síntomas esporádicos nunhas sebes e unha presenza elevada de eirugas noutras, con exemplares grandes e crisálidas. Recoméndase aumentar a vixilancia, avaliar ben os buxos para detectar as eirugas e actuar en consecuencia.

 

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 9 resultados.