A Deputación publica o último aviso fitosanitario da campaña antes da vendima, sen previsión de avances nos principais patóxenos que afectan a viña

O persoal de Areeiro advirte dun incremento de presenza de oídio en plantas sombreadas con incidencia anterior deste patóxeno

30/08/2024

Aviso Fitosanitario 30-08-2024

A Deputación de Pontevedra, a través da Estación Fitopatolóxica de Areeiro, acaba de publicar o último aviso fitosanitario da campaña tendo en conta a proximidade da vendima, que xa comezou para a elaboración de espumosos e os “pés de cuba”. Nel, advírtese do aumento da presenza do oídio nas follas dalgunhas plantas máis sombreadas onde xa se detectara anteriormente e non se fixeron tratamentos contra o patóxeno. Por mor da inminencia da vendima non se especifican actuacións recomendadas, pero si se debería realizar unha aplicación localizada con funxicida antioídio se puntualmente houbo certa presión do fungo (unha recomendación que o persoal de Areeiro estende tamén ao mildio).

No caso do mildio, apenas se observaron novos síntomas nunhas poucas follas dalgúns predios debido á meteoroloxía seca, con precipitacións illadas, ao menor desenvolvemento dos brotes e á maior dureza do limbo foliar. Sen embargo, antes de realizar a vendima e antes da caída xeral da folla, Areeiro recomenda aplicar un tratamento cúprico pensando no agostado da madeira e en reducir o inóculo para a campaña seguinte nos predios con máis presión de mildio.

Areeiro tamén lembra que antes da vendima non se recomenda tratar contra a flavescencia dourada e o seu vector, pero si arrancar e destruír as viñas afectadas porque os adultos pódense alimentar delas, adquirir o patóxeno e inoculalo en plantas sas. Tamén se deben eliminar as plantas sospeitosas con varios síntomas á vez, para previr a dispersión.

Por último, observouse un incremento repentino de capturas da terceira xeración da avelaíña da uva, trala práctica ausencia en semanas anteriores, e máis acios con perforacións. Coa vendima inminente e o tempo seco previsto, probablemente os danos non teñan maior incidencia sobre a instalación de botrite, e é de esperar que as perdas directas sexan baixas. Aínda de poderían aplicar insecticidas a base de Bacillus thuringiensis kurstaki, por non posuír prazo de seguridade.

Ligazóns de interese