A Deputación esgota en 20 minutos as prazas para as rutas previstas para este mes de xuño do novo programa provincial “+Bosques”

A Illa de Tambo foi o itinerario máis solicitado, recibindo preto dun cento de solicitudes no primeiro minuto. As actividades comezan o día 22 coa ruta do Xabriña en Covelo

13/06/2024

A Deputación de Pontevedra esgotou este xoves en menos de 20 minutos as 60 prazas dispoñibles para as tres rutas do novo programa provincial “+Bosques” previstas para este mes de xuño, que se desenvolverán por tres espazos naturais da provincia: o río Xabriña (Covelo), O Carreirón (A Illa de Arousa), o río Almofrei (Pontevedra) e a Illa de Tambo (Poio). Este último foi o itinerario máis solicitado dos ofertados este mes, recibindo preto dun cento de solicitudes no primeiro minuto.

Os percorridos da iniciativa, que promove o contacto directo coa natureza e permitirá ás persoas participantes gozar das vantaxes dos “baños de bosques”, comezarán o sábado 22 de xuño polo río Xabriña e continuarán o domingo 23 polo río Almofrei. O sábado 29 terán lugar polo Carreirón e rematarán o 30 pola Illa de Tambo.  En total, entre xuño e outubro, ofertaranse 40 itinerarios que tamén pasarán por Cabo Udra (Bueu), o Lago Castiñeiras (Marín e Vilaboa) e o Pazo de Lourizán (Pontevedra): sete espazos da costa e o interior da provincia que permitirán coñecer a variedade de ecosistemas ricos en biodiversidade de Pontevedra.

No mes de xullo “+Bosques” continuará con saídas que  terán lugar o día 6 polo Xabriña, o 7 polo río Almofrei, os días 13 e 27 por Cabo Udra, o 14 e 21 de xullo polo Carreirón e os días 20 e 28 polo Pazo de Lourizán. Para estes itinerarios as inscricións abriranse o vindeiro 17 de xuño, ás 9:00 horas, a través do formulario que se poderá atopar na web da Deputación. Poderá anotarse a persoa que cubre o formulario e un máximo de tres acompañantes. Unha vez que se reciban as 15 primeiras inscricións por itinerario pecharase o percorrido e crearase a lista de agarda, para a que tamén é necesario realizar inscrición. Só está permitido realizar cada ruta unha vez e as persoas beneficiarias deberán desprazarse ata o punto de encontro de inicio do percorrido polos seus propios medios.

Por outro lado, en agosto terán lugar percorridos polo Xabriña (3 e 31), polo río Almofrei (4), polo Carreirón (10), por Cabo Udra (11), pola Illa de Tambo (17 e 24) e polo Lago Castiñeiras (18 e 24 de agosto), para as que abrirá a inscrición o 15 de xullo. Xa en setembro “+Bosques” continuará con “baños de bosque” polo río Almofrei (1), Lago Castiñeiras (7 e 29), Xabriña (8), Pazo de Lourizán (14 e 28), Illa de Tambo (15), Cabo Udra (21) e polo Carreirón (22), para os que abrirá a inscrición o 19 de agosto. E os derradeiros percorridos do programa serán en outubro con  rutas polo Cabo Udra (5), polo río Almofrei (6), pola Illa de Tambo (12), polo Lago Castiñeiras (13 e 26), polo Pazo de Lourizán (19 e 27) e polo río Xabriña (20). Neste último caso a inscrición abrirá o 16 de setembro.

Todas as rutas pretenden proporcionar ás persoas participantes unha experiencia chea de estímulos para comprender o método de aplicación do “baño de bosque” e a conexión directa en e coa natureza. Deste xeito, promoverase  a estimulación sensorial a través do olfacto, o tacto, a vista, o oído e o gusto, así como realizaranse exercicios físicos e psicolóxicos para comprender, entender e fortalecer os lazos co medio natural da provincia.

Xornada de degustación de cociña silvestre

O broche de ouro do programa “+Bosques” será a xornada de degustación de cociña silvestre, que se contempla para o mes de novembro, unha vez rematados os percorridos. Esta actividade, de tres horas de duración, está aberta a todas as persoas participantes nos preto de 40 “baños de bosque” que organiza a Deputación entre xuño e outubro e consistirá nunha recollida de froitos e vexetais silvestres comestibles dos bosques da provincia de Pontevedra, coa súa respectiva identificación e degustación.

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 5 resultados.