O Museo reforza a presenza de mulleres artistas e da temática da represión e o exilio coa incorporación á exposición permanente de once obras galegas do s. XX
Carmen Gómez Pérez-Neu e Mercedes Ruibal súmanse á representación feminina con pinturas nas que retratan outras mulleres
25/04/2023
O Museo de Pontevedra vén de renovar as salas expositivas dedicadas á arte galega do século XX coa incorporación de once novas pinturas e debuxos. Son creacións de sete artistas: Carmen Gómez Pérez-Neu, Mercedes Ruibal, Luis Torras, Xosé Conde Corbal, Laxeiro, Roxelio Lorenzo e Ramón Rivas. Con esta renovación, refórzase a presenza de mulleres artistas, con dúas creadoras que ata agora non figuraban na mostra; e a temática da represión e o exilio, con obras de Roxelio Lorenzo e Laxeiro relacionadas co tema.
As novas incorporacións sitúanse no terceiro andar do Edificio Castelao. Na sala 2, a ampla selección de obras de José Otero Abeledo “Laxeiro” (Lalín, 1908 – Vigo, 1996) vese ampliada con catro retratos de grande interese: un do mestre e músico Antonio Iglesias Vilarelle do ano 1940, outro do pintor Antonio Medal da mesma década e dúas obras vinculadas á represión e o exilio.
‘Homenaxe a Castelao’ é un debuxo dunha cabeza de muller, feito arredor de 1950 e inspirado na obra do autor rianxeiro, que Laxeiro lle regalou á súa viúva, Virxina Pereira, e que chegou ao Museo como parte do legado testamentario dela. E ‘Retrato do xeneral Fernando Martínez-Monje Restoy’ é un lenzo que Laxeiro pintou en Buenos Aires en 1961 e co que en 1970 gañou a Medalla de Ouro da I Bienal Regional de Arte de Pontevedra. Ao certame presentouno como ‘Retrato de home’, evitando que naquel momento do tardofranquismo se identificase ao retratado, un importante militar republicano e masón.
O percorrido temático da represión conta con outra nova obra na sala 4: ‘Aministía’ pintada en 1977 por Roxelio Lorenzo (Ponteareas, 1921 – Pontevedra, 2003). Nese lenzo mostra a un grupo de presos alegrándose pola noticia publicada no xornal. Das paredes da mesma sala colga agora o óleo ‘A pataqueira’, un expresivo retrato feminino no exterior do que é autor Ramón Rivas (Vigo, 1930 – Lausana, 1996).
A mostra estable gaña tamén dúas obras do pintor e gravador Xosé Conde Corbal (Pontevedra, 1923 – Vilagarcía, 1999), cando se celebra o centenario do seu nacemento e a Deputación de Pontevedra lle dedicou a semana pasada as Xornadas Arte e Memoria. A partir de agora as persoas que visiten o Museo poderán contemplar a súa augada de temática etnográfica ‘Vacas ao carro’ (1959), unha das súas primeiras creacións, e o retrato que en 1989 fixo do seu amigo Antonio Odriozola, captando con mestría o carácter do bibliógrafo e erudito vasco afincado en Pontevedra.
Dúas mulleres artistas
Dúas mulleres artistas súmanse á representación feminina na exposición permanente do Edifico Castelao, e fano con pinturas nas que retratan outras mulleres. O lenzo ‘Cecilia’ foi pintado en 1941 por Carmen Gómez Pérez-Neu (Ribadavia, 1919 – Madrid, 2005). E ‘Nena’, do ano 1974, é unha mostra do expresionismo primitivista de Mercedes Ruibal (Pontevedra, 1928 – Madrid, 2003).
Tamén é unha muller a protagonista da obra coa que Luis Torras (Vigo, 1912) se incorpora, aos seus 110 anos, ás salas do Edificio Castelao. En ‘Composición’ retratou á súa esposa, María Jesús Incera, nunha obra que lle valeu en 1960 o Premio do Concello de Pontevedra na Exposición Nacional de Bellas Artes celebrada en Barcelona.
Galerias de imaxes
![Carmen Gómez Pérez-Neu: Cecilia, 1941](/documents/37861/3871427/Carmen-Gomez-Perez-Neu-Cecilia-1941.jpg/aeac2a2e-7a08-093e-0a18-1158f721e32d?t=1682416876862)
Carmen Gómez Pérez-Neu: Cecilia, 1941
![José Otero Abeledo “Laxeiro”: Homaxe a Castelao, Ca. 1950](/documents/37861/3871427/Jose-Otero-Abeledo-Laxeiro-Homaxe-a-Castelao-Ca-1950.jpg/fa342200-b89b-6755-4142-7e62461b0cfc?t=1682416877414)
José Otero Abeledo “Laxeiro”: Homaxe a Castelao, Ca. 1950
![José Otero Abeledo “Laxeiro”: Retrato de Antonio Iglesias Vilarelle, 1940](/documents/37861/3871427/Jose-Otero-Abeledo-Laxeiro-Retrato-de-Antonio-Iglesias-Vilarelle-1940.jpg/003e9ba1-ec9b-7e9e-1a35-a8d799c72ba3?t=1682416877848)
José Otero Abeledo “Laxeiro”: Retrato de Antonio Iglesias Vilarelle, 1940
![José Otero Abeledo, “Laxeiro”: Retrato do pintor Antonio Medal Carrera, Ca. 1950](/documents/37861/3871427/Jose-Otero-Abeledo-Laxeiro-Retrato-do-pintor-Antonio-Medal-Carrera-Ca-1950.jpg/df0ef87b-f8a6-de6f-08ab-e2301a5deb01?t=1682416878283)
José Otero Abeledo, “Laxeiro”: Retrato do pintor Antonio Medal Carrera, Ca. 1950
![José Otero Abeledo, “Laxeiro”: Retrato do xeneral Fernando Martínez-Monje Restoy, 1961](/documents/37861/3871427/Jose-Otero-Abeledo-Laxeiro-Retrato-do-xeneral-Fernando-Martinez-Monje-Restoy-1961.jpg/af1dab96-abc6-5009-7cf8-952c81e720d2?t=1682416878698)
José Otero Abeledo, “Laxeiro”: Retrato do xeneral Fernando Martínez-Monje Restoy, 1961
![Luis Torras Martínez: Composición, 1960](/documents/37861/3871427/Luis-Torras-Martinez-Composicion-1960.jpg/716d016c-e97b-ed81-8eae-4dc795fa30fd?t=1682416879098)
Luis Torras Martínez: Composición, 1960
![Mercedes Ruibal Argibay: Nena, 1974](/documents/37861/3871427/Mercedes-Ruibal-Argibay-Nena-1974.jpg/c0b6d36f-5538-b7ac-8f35-e7b1bde8ab47?t=1682416879508)
Mercedes Ruibal Argibay: Nena, 1974
![Ramón Rivas García: Pataqueira, Ca. 1970](/documents/37861/3871427/Ramon-Rivas-Garcia-Pataqueira-Ca-1970.jpg/5985a406-c4c3-65ec-0b52-6b4d0dd14ae1?t=1682416880023)
Ramón Rivas García: Pataqueira, Ca. 1970
![Roxelio Lorenzo Rodríguez: Amnistía, 1977](/documents/37861/3871427/Roxelio-Lorenzo-Rodriguez-Amnistia-1977.jpg/d48abfc9-2d8e-05da-c221-43c0e3654a19?t=1682416880474)
Roxelio Lorenzo Rodríguez: Amnistía, 1977
![Xosé Conde Corbal: Retrato de Antonio Odriozola, 1989](/documents/37861/3871427/Xose-Conde-Corbal-Retrato-de-Antonio-Odriozola-1989.jpg/10753c7c-d7e4-85de-2f97-0ca2b1450c06?t=1682416880850)
Xosé Conde Corbal: Retrato de Antonio Odriozola, 1989
![Xosé Conde Corbal: Vacas ao carro, 1959](/documents/37861/3871427/Xose-Conde-Corbal-Vacas-ao-carro-1959.jpg/cbb53688-530e-f219-c0d6-0aeed1ef3226?t=1682416881293)
Xosé Conde Corbal: Vacas ao carro, 1959