“Pontevedra e Galiza manteñen unha débeda con Conde Corbal que hoxe apenas comezamos a pagar”

O departamento de Memoria Histórica da Deputación celebrou hoxe os primeiros relatorios das Xornadas Arte e Memoria dedicadas ao artista pontevedrés no seu centenario

21/04/2023

Xornadas Conde Corbal

“Pontevedra e Galiza manteñen unha débeda con Conde Corbal que hoxe apenas comezamos a pagar”. Así o manifestou a deputada de Memoria Histórica María Ortega na apertura das Xornadas Arte e Memoria dedicadas ao artista pontevedrés, nas que ademais de coñecer máis sobre as peripecias vitais e artísticas do autor, o departamento provincial presentou o libro ‘O fardel de guerra de Conde Corbal’, unha edición de luxo cos seus gravados e textos de acompañamento, e abriu a exposición coas láminas máis senlleiras do ‘Fardel da guerra’ no Pazo Provincial ao abeiro do centenario do seu nacemento.

Segundo a responsable de Memoria da Deputación, espallar a obra e pensamento de Conde Corbal era “unha obriga” e “un desexo”. Un desexo, dixo, pola súa capacidade de rexistrar e denunciar nas súas obras con “beleza” e “forza” a memoria histórica, todas as tipoloxías de represión imaxinables (persoas asasinadas, presas, fuxidas no monte, rapadas..), pero tamén os rostros dos verdugos e o seu xeito de proceder.

A “obriga” chega –dixo a nacionalista- porque o traballo realizado por Conde Corbal entre os anos 70 e 80 nas láminas de guerra apenas tivo acollemento na sociedade pontevedresa e é necesario reivindicalo. “Tardamos case catro décadas en volver a darlle ao Fardel e ao propio Conde Corbal o protagonismo que merecía, pero na Deputación quixemos facelo por todo o alto xusto neste ano, centenario do seu nacemento”.

Ortega subliñou a necesidade da celebración das xornadas, e tamén a publicación do ‘Fardel de guerra’, agora reconvertido nunha luxosa edición na que cada unha das súas 88 láminas vai acompañada dun texto de expertas e representantes da cultura do país. Ademais, destacou a deputada, unha selección desas láminas e deses textos poderán verse na exposición situada no vestíbulo do Pazo Provincial ata primeiros de maio para despois visitar concellos e centros de ensino de toda a provincia.

Para finalizar, Ortega deu as grazas a cada unha das persoas que participaron “nesta xusta homenaxe”: ponentes, creadoras de textos, deseñador, correctora e, sobre todo, grazas a Antón Mascato por coordinar tanto as xornadas como o libro e a exposición. Destacou, en calquera caso, que “o renacer da memoria contundente de Conde Corbal foi posible grazas a súa viúva, Margarita Escuredo, e a súa descendencia, a quen queremos dar as grazas.”.

Precisamente a familia de Conde Corbal, a través de Ana Corbal -filla do autor-, tamén aproveitou para reivindicar a figura do artista. Sacando peito, agradeceu o recoñecemento que se está a facer estes días, mais pediu que non quede só na celebración do centenario, polo que tendeu a man ás institucións que “queiran conectar a identidade artística da Galicia do s.XX coa do s.XXI porque pensamos que ademais de rescatar un dos mellores artistas plásticos do século pasado, estamos a rescatar a historia de Galicia (...) e amosar a memoria ás novas xeracións”.

A filla de Corbal homenaxeou á súa nai, Margarita Escuredo, de quen dixo debería ser a que participase no acto institucional, pero sinalou que “ten cen anos, e hai emocións que pesan demasiado”. “Gustaríame agradecerlle o decidir pertencer a esa exigua minoría de mulleres que ían por diante, polo ideal do estímulo constante, a crítica construtiva, a creatividade, a cultura, a intelixencia e o traballo; grazas por ser a nosa sensibilidade e a nosa liberdade; por 100 anos sendo luz, guía, sostén e amor. Por compartir connosco a emoción de saber algo máis sobre quen somos e ofrecermos xenerosamente o mundo no que medramos”, subliñou.

O autor con máis exposicións no Museo de Pontevedra tras Castelao

Logo da apertura das Xornadas tomaron parte o investigador e coordinador do libro editado pola Deputación en homenaxe a Conde Corbal, Antón Mascato, e a historiadora Aloia Ínsua, en representación das persoas escritoras que realizaron os textos que acompañan as láminas na publicación provincial.

Mascato destacou o compromiso de Corbal coas persoas do seu país e a cultura, ás que teimou en partillar a súa obra con exposicións en todo tipo de lugares. Tamén sinalou o álbum de 88 láminas do Fardel, que case non circulou “e tivo o silencio do público e o desprezo das persoas que se sentiron afectadas” ao ver retratadas a persoas familiares como verdugos “na época do terror e na represión despiadada”.

Continuou nas conferencias o profesor e investigador Antón Castro, quen fixo un percorrido pola obra de gravados estampados “en negro” de Conde Corbal, salientando dous aspectos: que inventou un sistema de abaratamento da obra de arte para chegar á xente do común, e que o seu obxectivo era facer pedagoxía coas súas creacións, amosando e explicando o seu país.

A seguir foi a quenda dunha das investigadoras e integrantes do Consello de Dirección do Museo de Pontevedra, Ángeles Tilve Jar, quen falou da “estreitísima” relación que o autor tiña coa institución provincial. Subliñou que practicamente todos os días estaba nos edificios do Museo, ben creando ou colaborando (de balde) en mostras e exposicións dada a súa importante amizade co secretario naquel entón, Alfredo García Alén, quen apoiou a súa carreira.

Segundo explicou Tilve, Conde Corbal é o segundo autor, despois de Castelao, que realizou máis exposicións no Museo de Pontevedra: once de tipo persoal e moi variado contido, e outras dúas mostras colectivas. O Museo provincial –abondou- dispón dunha importante cantidade de obra do autor, dende 1957 (que chegou no 1959) ata a última, de 1989. Toda ela é moi representativa das diferentes fases da súa creatividade e foi doada pola súa familia legalmente despois da súa morte, cando a dirección do Museo se puxo en contacto para devolver todo o que creador deixara nas instalacións.

A xornada rematou coa proxección do documental ‘María Casares. A muller que viviu mil vidas’, e a intervención do director Xavier Villaverde (gañador dun Mestre Mateo este ano), quen explicou as motivacións que o levaron a escoller as ilustracións do ‘Fardel de Guerra’ de Corbal para ilustrar o discurso narrativo da súa peza audiovisual.

A Xornada Arte e Memoria continuará mañá presentada pola filóloga e xestora cultural Cruz López, na que se falará de maneira xenérica de como a arte é vehículo para a transmisión da memoria. A historiadora Rosario Sarmiento falará da arte comprometida feita dende o exilio, o historiador Carlos Bernárdez das creacións e denuncias feitas durante a ditadura na Galiza, e posteriormente a actriz Belén Constenla, o cineasta Miguel Anxo Fernández, a profesora de literatura Patricia Arias, e o autor de BD Kiko da Silva, farán unha perspectiva do tratamento da memoria dende as súas disciplinas. O punto final chegará coa dramatización dun texto arredor de María Casares.

Galerias de imaxes