A Deputación aproba 400.000 euros para obras de mellora e de eficiencia enerxética en sete concellos da provincia

O Rosal e Baiona recibirán preto de 250.000 euros para a reparación de camiños ou a reconstrución de muros, mentres que Forcarei, Dozón, Caldas de Reis, Catoira e Ribadumia contarán con 150.000 euros para novas instalacións solares fotovoltaicas

28/07/2023

Xunta de Goberno

A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra acaba de aprobar recursos por valor de preto de 400.000 euros para levar a cabo actuacións en sete concellos da provincia. En concreto, os fondos destinaranse ao Rosal e a Baiona, que reciben en total preto de 250.000 euros para executar obras como a reparación de camiños o a reconstrución de muros derrubados, e case 150.000 permitirán a Caldas de Reis, Ribadumia, Catoira, Dozón e Forcarei implantar novas instalacións solares fotovoltaicas en infraestruturas e edificios municipais. “Son 400.000 euros en total para estar ao carón dos concellos cando máis o precisan e para axudalos a subirse ao tren do futuro. Dixémolo desde un comezo, e agora empezamos a cumprilo”, asegurou en rolda de prensa o presidente da Deputación, Luis López.

Máis polo miúdo, O Rosal recibirá 139.488 euros para arranxar danos como roturas de pavimentos e en tubaxes de saneamento, caída de muros ou taludes nos camiños municipais de Couselo, Canas e Morraceira. Pola súa banda, o concello de Baiona benefíciase de 105.160 euros para dúas actuacións no camiño O Piñeiro, na parroquia de Baiona, e na senda fluvial río Baíña.

Ademais, a Xunta de Goberno aprobou o expediente para contratar as obras para que Caldas de Reis, Ribadumia, Catoira, Dozón e Forcarei poidan implantar novas instalacións solares fotovoltaicas en 11 infraestruturas e edificios municipais, en modalidade de autoconsumo. Este proxecto, ao que se destinan 147.445 euros, conta cunha subvención do Instituto para a Diversificación e Aforro de Enerxía de España (IDAE) de 134.000 euros no marco da convocatoria de axudas DUS 5000 ao abeiro do Plan de Recuperación.

En concreto, preto de 53.000 destinarase á Casa Consistorial, Polideportivo e Piscina de Caldas de Reis; 45.000 € para instalar placas no Club Náutico, na Casa da Cultura e no Complexo Deportivo de Ribadumia; 20.000 para que o concello de Catoira mellore a eficiencia enerxética do Colexio Público e do Pavillón; 20.000 para a casa consistorial, o centro de saúde e o albergue de Dozón, e preto de 10.000 euros irán a parar a Forcarei para instalar placas na Casa Consistorial.

— 3 Resultados por página
Mostrando el intervalo 1 - 3 de 6 resultados.