A Deputación destina 70.000 euros para que o Concello de Mondariz realice diferentes actuacións na nova área de deporte urbano

Os fondos destinaranse a mellorar o estado da actual explanada, o asfalto e o muro perimetral, que na actualidade presenta riscos de derrubamento

01/09/2023

Xunta de Goberno

A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra acaba de aprobar unha axuda de preto de 70.000 euros para que o Concello de Mondariz poida poñer a punto o recinto no que se está a construír unha nova área de deporte urbano. Desta maneira, os fondos destinaranse a arranxar a explanada, reparar o seu asfalto e modificar o seu muro perimetral.

“A aposta polo deporte é un obxectivo prioritario deste goberno provincial”, asegurou o presidente da Deputación, Luis López, “e non soamente no que respecta á práctica do deporte ou ao apoio de clubs e entidades deportivas, tamén queremos dirixir recursos para que os concellos da provincia conten con espazos axeitados para a súa práctica, e esta inxección de 70.000 euros en Mondariz é un exemplo”, confirmou.

A área de deporte urbano que se vai crear en Mondariz, que incluirá un parque de skate, unha pista multideporte, un rocódromo e un circuíto de calistenia, conta xa con 400.000 euros de subvención da Deputación, que supoñen o 90 % do orzamento total desta, polo que, en total, a institución provincial dirixe 470.000 euros a este novo equipamento deportivo. Está situado no antigo campo de fútbol da Minada, na avenida do Grupo Escolar e abrangue unha superficie total de 4.500 metros cadrados. Será un espazo accesible e eficiente enerxeticamente, e contará, entre outros elementos, con paseos e zonas de descanso e de confort, un miradoiro, mobiliario urbano, vexetación e sombra natural e artificial.

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 5 resultados.