Os concellos de Covelo, Salceda e Tomiño reciben achegas da Deputación por valor de 380.000 euros
As subvencións permitirán aos tres municipios executar obras de diferente índole, como arranxos de muros de contención ou de colectores de augas pluviais
21/07/2023
A primeira Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra do mandato de Luis López acaba de aprobar a concesión de achegas por valor de 378.442 euros a tres concellos da provincia. Trátanse de Covelo, Salceda de Caselas e Tomiño que, con estes recursos, executarán obras de diferente índole, dende reparacións de colectores de augas pluviais ou reposición de firmes ata a construción de muros de contención ou canalizacións.
Como informou o presidente provincial, Luis López, en rolda de prensa, o concello de Tomiño recibirá unha achega de 139.488 euros para reparar o colector de augas pluviais situado nun camiño municipal ao seu paso polo núcleo do Mosteiro, na parroquia de Santa de María de Tomiño. O concello reparará tamén o camiño de servizo.
No caso de Salceda de Caselas, a achega de 135.487 euros da Deputación permitirá levar a cabo obras en diferentes parroquias. Así, o concello reporá a rede de abastecemento na parroquia de Picoña e instalará novo firme no camiño municipal; arranxará taludes, construirá un muro de contención, efectuará a reposición de firmes no camiño e formará unha cuneta de formigón na parroquia de San Xurxo, concretamente no lugar de Curuxeiras, e construirá dous novos pozos de rexistro e realizará a reposición de firmes no lugar de Cerquido, na parroquia de Budiño.
Finalmente, Covelo vai recibir 103.106 euros para actuar na Bugariña, na parroquia de Godóns, onde restaurarase un talude para garantir a estabilidade e seguridade viaria do camiño de acceso ao lugar, reconstruiranse canalizacións e arquetas e aumentarase a capacidade de evacuación das augas pluviais. Na Carballeda, na parroquia de Santiago de Covelo, reporanse tubos danados de canalización dun regato que pasa por debaixo do camiño de acceso ao lugar. Por último, en Lourido, na parroquia de Casteláns, reconstruirase o muro de contención do parque infantil e campo de festa e reporanse canos danados. Ademais, canalizaranse as augas procedentes dos montes da Cabezuda ao seu paso polo viario de acceso ao Cemiterio Municipal de Casteláns.