A provincia de Pontevedra consolídase como un referente internacional en sostibilidade co seu impulso á “transición verde” no sector turístico
A Deputación acolle a xornada sobre economía circular e turismo sostible no marco do proxecto europeo Greentour do que forma parte desde hai dous anos
26/01/2023
A Deputación de Pontevedra e Turismo Rías Baixas consolídanse como referente internacional en materia de sostibilidade. O Pazo provincial acolleu esta mañá a xornada “Greentour: Economía Circular e Turismo Sostible en Destinos do espazo SUDOE”, un encontro no que autoridades, entidades e persoal técnico de diversas zonas turísticas de Europa avaliaron os resultados destes dous anos de implantación da iniciativa comunitaria, que ten por obxectivo reducir a pegada ambiental da actividade turística sobre o territorio e implantar sistemas de xestión máis eficientes.
A deputada de Turismo, Ana Laura Iglesias, deu a benvida as persoas participantes nun ateigado Salón de Plenos e aproveitou para reafirmar o compromiso da institución coa “transición verde” na que está inmersa o sector. Tamén agradeceu a implicación do Clúster de Turismo de Galicia e o asesoramento técnico de Energy Lab para o desenvolvemento do proxecto. A deputada enxalzou o papel central que xogan as administracións locais na implantación de boas prácticas no sector por ser “as máis próximas e as que mellor coñecen o territorio ao que chegan as persoas visitantes”. Nestes dous anos de implantación na provincia, a Deputación conseguiu que un total de 47 establecementos se inscribisen na iniciativa e accedesen ao seus sistema de avaliación ambiental: 15 aloxamentos, seis apartamentos, tres campings, dous hostais, sete establecementos de turismo rural, catro restaurantes e 10 entidades destinadas ao ocio turístico.
A institución provincial apostou pola implantación de Greentour co fin de mellorar a eficiencia do sector turístico, un compromiso explicitamente recoñecido no propio Plan Estratéxico de Turismo Rías Baixas 2021-2023 actualmente en vigor. Tamén reforzou nos últimos tempos as accións que avanzan nesta liña: difusión do proxecto Greentour en todo o territorio; publicación de manuais de boas prácticas para establecementos, axencias de viaxes, oficinas e guías turísticas; obtención da “S” de sostibilidade do Instituto para a Calidade Turística Española (ICTE) para o Museo de Pontevedra; e a creación dos Premios á Sostibilidade Turística que se entregarán na Gala Anual de Turismo e que pretenden incentivar a aplicación de modelos de xestión máis sostibles nas empresas turísticas.
Na xornada compartíronse as experiencias piloto dos destinos de Lloret del Mar, Rías Baixas-Pontevedra Provincia, Camiño Lebaniego (Cantabria) e Guimãraes, cuxas delegacións coincidiron na relevancia de desestacionalización, o necesario reforzo da oferta cultural e de patrimonio, o crecemento do turismo familiar e o mercado potencial que teñen por diante os destinos que están apostando polo turismo cinematográfico, como é o caso de Lloret e de Rías Baixas a través da Pontevedra Provincia Film Commission que vimos de presentar en Fitur.
Unha xestión máis eficiente e respectuosa co planeta
O obxectivo xeral de Greentour é avanzar cara un novo modelo ambiental, económico e social nos destinos turísticos e, ao mesmo tempo, informar ás persoas consumidoras para que se comprometan coa contorna na que se desenvolve a actividade turística. O proxecto anima aos destinos adheridos a elaborar novos produtos de turismo sostible e economía circular para salvagardar o patrimonio do SUDOE para xeracións futuras. Aborda accións de innovación entre as que figura o deseño de novas metodoloxías e accións para promover a economía circular no sector, o impulso á innovación científica e metodolóxica con ecoetiquetado e promover a cooperación interrexional no ámbito SUDOE entre institucións e persoas. En concreto, Greentour permite ás empresas de sector hoteleiro, restauración, ocio e transporte unirse á súa Rede de Turismo Sostible, avaliar a súa pegada de carbono grazas ao emprego de catro ferramentas ambientais distintas e facer a solicitude do ecoetiquetado en liña.